Todo está preparado para o 20º aniversario de Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar que se celebra en Expourense os días 29 e 30 de setembro. Unha cita que coincide en espazo e tempo con dous importantes eventos que converterán á provincia de Ourense en epicentro mundial do termalismo durante a última semana de setembro de 2022 e que convocarán aos profesionais do turismo de saúde dunha trintena de países.
Ademais de Termatalia, celébrase o Congreso Internacional de Turismo Termal do 27 ao 29 de setembro de 2022 e que está organizado pola Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) e a Deputación Provincial de Ourense baixo o amparo da Organización Mundial de Turismo. O 30 de setembro pola tarde e ata o 2 de outubro, entre Expourense e o Balneario de Laias celébrase o XXI Congreso Nacional da Sociedade Española e Hidrología Médica. En palabras do director de Termatalia, Rogelio Martínez, “son tres citas moi importantes, paralelas e complementarias, e quero destacar a excelente colaboración entre os organizadores dos tres eventos para coordinar a participación do maior número de profesionais posible en todos eles. O éxito de cada un destes encontros é o éxito de todos”. Aínda que estes eventos van poder seguirse de forma virtual desde calquera parte do mundo, apostouse firmemente pola presencialidade co obxectivo de que esa semana en Ourense supoña o gran punto de encontro internacional dos profesionais do termalismo e turismo de saúde despois da pandemia.
Unha vintena de expertos de España e Portugal participaban na segunda reunión do comité asesor de Termatalia no que se perfilaron os detalles das actividades profesionais, e tamén as orientadas ao público xeral. Durante esta reunión, o director da feira, Rogelio Martínez, presentou as accións relacionadas cos tres eixos de Termatalia 2022: o negocio, a formación especializada e o capital relacional que supón a recepción de profesionais dunha trintena de países.