OurenseÚltima hora

O OUR FEST Xacobeo conquista ao público ourensán

Máis de 4.000 asistentes gozaron o sábado de cinco concertos para pechar o verán, en Expourense

 

Trala experiencia vivida o pasado sábado en Expourense o público do OUR FEST Xacobeo pensa xa na segunda edición do festival que conquistou a escena musical cunha xornada irrepetible.

O programa incluía un cartel excepcional e a un público con moitas ganas de gozar do festival que sultou interxeracional, pois entre as persoas asistentes había familias, grupos de amigos e amigas de todas as idades, e unha atmosfera que propiciou que todo fluíse á perfección. O cartel do OUR FEST Xacobeo apostaba a unha xornada inesquecible e así foi, sobre o escenario houbo maxia.

Os asistentes quentaron motores durante a previa, porque o inicio do festival, coa proposta de Julián Maeso, xa foi ao grande. Congregou sobre o escenario, ao seu ao redor, a once músicos galegos de primeiro nivel en formato Big Band. Xunto a eles ofreceu un concerto único no que os seus temas soaron como nunca. Este festival supuxo tamén o debut en Galicia da proposta de The Big Moon. Interpretaron os temas do seu álbum ‘Walking Like We Do’, publicado o pasado 2020, e tamén adiantos do que será o seu terceiro traballo ‘Here Is Everything’. Con elas comezou o baile que nunca cesou.

As barras e os food trucks, que contaron cunha ampla oferta gastronómica e que resultaron un éxito para os asistentes, baleiráronse pasadas as 21 horas. Ninguén quería perderse o esperado pase de Belle & Sebastian; para moitos dos asistentes, a súa música conforma a banda sonora da súa vida, e é que sobre o escenario fixeron gala dos 25 anos de traxectoria que acumulan ás súas costas. Interpretaron os temas do seu undécimo álbum ‘A Bit of Previous’, pero tamén houbo espazo para os seus grandes éxitos. As súas cancións, clásicas e á vez orgánicas e bailables cun punto funky e góspel, combinadas cun directo espectacular, tradúcense nun concerto inesquecible.

 

Concerto de Primal Scream.

A festa proseguiu con Metronomy, que demostrou por que se trata dunha das bandas máis importantes actualmente na escena do pop electrónico. Joe Mount conquistou ao público do OUR FEST Xacobeo cos temas de Small World, o último traballo da banda, pero tamén cos grandes hits do seu amplo repertorio, como o coreado The Look. Óscar Cash, Anna Prior, Olugbenga Adelekan e Michael Lovett, xunto a Mount converteron o festival nunha elegante festa pop.

E no máis alto chegaron eles, para lograr subir aínda máis as ganas, a ilusión e gozar do festival. O concerto de Primal Scream era o máis esperado do OUR FEST Xacobeo, e non defraudou; o aclamado grupo escocés de rock, con máis de catro décadas de traxectoria, celebra nesta xira o 30 aniversario do seu icónico álbum Screamadelica que marcou toda unha época. Ademais, Bobby Gillespie, Andrew Innes, Martin Duffy, Simone Butler e Darrin Moone tamén repasaron outros temas clásicos da súa extensa traxectoria.

Entre grupo e grupo, os cambios de escenario amenizáronse coas sesións dos aclamados Djs Isaac Pedrouzo, Dj Lagartija e Fernandes Dj. Así, á conclusión, só podíase pensar xa na segunda edición. O balance do debut do OUR FEST Xacobeo resulta realmente positivo en todos os aspectos, pois a súa celebración tivo unha repercusión directa na provincia; Ourense foi, durante a xornada do sábado, o epicentro da música internacional. Congregou a máis de 4.000 asistentes, persoas chegadas de toda a provincia, a comunidade e a península.

Artigos relacionados

Back to top button