Apenas unha semana despois de poñer á venda as entradas para a Festa do Magosto, a Asociación Sabugueiro da Rúa presenta outra interesante e divertida actividade, centrada nesta ocasión nos máis pequenos da casa.
O vindeiro 29 de outubro celebrarase o ‘Samaín na Rúa Vella’ as partir das 17 horas, cun divertido e “terrorífico” percorrido polas rúas do pobo disfrazados cos máis siniestros disfraces, xogando e recibindo lambetadas. Para conseguilo, os cativos deberán seguir o mapa elaborado pola organización “e ter moito coidado coas meigas, pantasmas e zombies que podes atopar no camiño”, avisan dende a Asociación Sabugueiro. Ao remate haberá unha gran festa con chocolate para os participantes.
A entrada custará 5 euros e poderá mercarse na tenda O Colmado ata o día 27 de outubro.
Ademais dos cativos que completen os percorridos, a xente que o desexe pode participar como casa colaboradora ou como personaxe terrorífico.
O ano pasado a actvidade foi todo un éxito cun cento de cativos disfrazados percorrendo A Rúa Vella.