
A data 11 de outubro, a última adega que seguía recollendo uva na Denominación de Orixe Ribeira Sacra anunciaba o remate dos traballos, poñendo fin a esta campaña na que se prevía producir uns 6.000.000 de quilos de uva.
Despois de 47 días de vendima oficial, alcanzáronse os 6.047.400 quilos. O ano pasado o remate da vendima foi o 20 de outubro, un dos finais máis tardíos na historia da D.O. con 6.545.331 quilos vendimados.
Este ano os controis de maduración realizáronse entre o 23 e o 25 de agosto, o día 26 iniciáronse vendimas provisionais en parcelas que xa reunían as condicións para a recollida de uva, aínda que o inicio oficial foi o 15 de setembro.
Nesta vendima 2022 houbo 2.208 viticultores inscritos e 88 adegas que recolleron as seguintes cantidades por variedade de uva:
Variedades tintas
• Mencía 4.814.065 quilos
• Garnacha 232.015 quilos
• Sousón 116.937 quilos
• Merenzao 61.378 quilos
• Brancellao 53.397 quilos
• Tempranillo 30.769 quilos
• Caíño tinto 32.011 quilos
• Mouratón 6.895 quilos
• Grao Negro 1.845 quilos
Variedades brancas
• Godello 555.938 quilos
• Albariño 75.936 quilos
• Treixadura 45.888 quilos
• Dona Branca 6.811 quilos
• Branco Lexítimo 8.008 quilos
• Loureira 3.710 quilos
• Torrontés 1.797 quilos
“A campaña péchase segundo o esperado. Cumpríronse as expectativas de roldar os 6 millóns de quilos e a uva que entró en adega estaba en moi boas condicións e con bo grao, na media da última década”, tal e como se valora dende o Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra.



