CulturaCulturaÚltima hora

Abertal porá música á VI Xornada Castañeira, o 5 de novembro nos Anguieiros (Montefurado, Quiroga)

O programa inclúe unha ruta, visitas divulgativas, obradoiros e o magosto popular

 

Co obxectivo de “lembrar a importancia que tivo a castaña nesta zona e ao mesmo tempo crear un espazo para a socialización e posta en valor do rural”, a Asociación Sociocultural Boca do Monte organiza para o sábado 5 de novembro, a VI Xornada Castañeira que se celebrará nos Anguieiros, parroquia de Montefurado (Concello de Quiroga).

O programa de actividades arrancará ás 10h. cunha ruta de sendeirismo (saída e chegada na aldea dos Anguieiros), que comeza cunha altitude duns 350 metros e descorre no seu comezo polo camiño de Vilanuide ata chegar a “o arroio” para, dende alí, empezar a subir en dirección ao alto de Cabrita. “Pero xusto antes de bifurcarse o camiño para o alto da Cabrita e Vilanuide tomamos un sendeiro á dereita que sube pola devasa nun ascenso de bastante pendente de máis dun quilómetro que nos leva ata a cima do monte que está por enriba de Vilanuide e dende onde se ve moi ben todo o val de Montefurado que outrora fora un complexo mineiro romano de onde se extraía moito ouro”, explican dende a asociación. Xa por pistas, a ruta continúa cara Sesmil nun tramo de subidas e baixadas que nos levará a esta aldea de controvertido topónimo xa que aínda hoxe hai discusións de se foi chamado así pola presenza na zona dunha lexión de romanos; regresando aos Anguieiros en baixada e con vistas de paxaro de todo o val.

 

Foliada nunha edición anerior da Xornada Castañeira.

 

Ás 17h. haberá unha visita divulgativa a algunha caniceira, coñecendo formas tradicionais de pisado da castaña, e un obradoiro de elaboración de cabazas de Samaín en familia. E xa pola noitiña, para as 20h. está programado o magosto popular con merenda, castañas asadas e licores, co acompañamento músical de Abertal da Rúa.

A organización desta actividade cultural e dinamizadora do rural conta cunha achega da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

 

Cartel da xornada, obra de Noelia Rodríguez de Montefurado.

Artigos relacionados

Back to top button