CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima hora

A XXVII Cea do Cocido abrirá mañá as Festas de San Sebastián en Piñeiro (Trives)

Asistentes á Cea do Cocido de Piñeiro antes da pandemia./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con moita ilusión e relevo xeracional se presenta a XXVII Cea do Cocido de Piñeiro, a edición post pandemia que se celebrará mañá, venres 27 de xaneiro, na localidade trivesa. Unha festiva xuntanza gastronómica coa que abren as festas na honra a San Sebastián.

A cita comezará coma sempre a partires das nove da noite, hora na que abran as portas da carpa, con potente calefacción e capacidade para 400 persoas, instalada para a ocasión na que cada ano se xuntan veciños da contorna e de municipios da bisbarra como O Barco de Valdeorras ou A Rúa, que irán collendo o seu sitio nalgunha das mesas corridas preparadas. Alí haberá unha bolsa de papel co servizo completo: garfo, coitelo, servilleta, cunca de barro e tamén unha ración de bica, o postre dunha carta elaborada no propio recinto con produtos da terra: patacas, grelos e todo tipo de carne de porco, dende chourizo e androlla ata morro, pasando pola orella e o lacón. Para beber, viño da zona e licores.

 

 

Entre risas, viño e comida, desenvolverase a cea na que non faltarán cantos e moito humor ademais de premios. Coma sempre, no momento do postre procederase ao tradicional sorteo de produtos ao que todos os asistentes terán opción co número da entrada: lotes de viño, queixos, produtos cárnicos e o sorteo especial de 500 euros (os nenos son sempre os encargados de vender as rifas entre os asistentes). Este ano ademais, a organización está xa vendendo rifas para o sorteo doutros 500 euros que levará o número que coincida coa Lotería Nacional do xoves 26 de xaneiro.

E xa despois da opulenta cea elaborada in situ polos veciños, chegará o baile a cargo da orquestra Marbella que animará a sesión verbena ata darlle o relevo aos Dj’s Sedinho e Álex Prieto que continuarán a festa ata que o corpo aguante. Esta será a mellor forma de abrir as festas na honra a San Sebastián, patrón de Piñeiro, que continuarán durante toda a fin de semana.

 

Artigos relacionados

Back to top button