CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Dous centros do Barco, un de Trives e un de Viana acollerán obradoiros sobre o uso responsable das novas tecnoloxías

Fachada do colexio Divina Pastora do Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Un total de 130 centros escolares de toda Galicia, veñen de ser seleccionados para participar por primeira vez no programa Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais, co que a Xunta de Galicia dá un paso máis no reforzo da educación dixital responsable.

Esta nova iniciativa, que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades desenvolve por primeira vez este curso ao abeiro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 e da Estratexia Dixital 2030, ten como finalidade “ofrecerlle aos alumnos información e ferramentas para a adquisición de competencias e destrezas para o uso responsable, útil, seguro e ético destas novas formas de comunicación e interacción”.

O programa está dirixido a alumnos de 2º, 3º e 4º curso de ESO de centros sostidos con fondos públicos. Para iso, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, nos centros seleccionados -a razón de 45 da provincia da Coruña, 25 de Lugo, 13 de Ourense e 47 de Pontevedra- levaranse a cabo obradoiros ata finais de curso.

 

Fachada do IES Xermán Ancochea Quevedo.

 

Entre os centros seleccionados están o IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives; o CPR Plurilingüe Divina Pastora e IES Martaguisela do Barco de Valdeorras; e o IES Carlos Casares de Viana do Bolo.

O obxectivo principal do programa é capacitar ao alumnado no uso seguro, responsable e proveitoso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Para iso, reforzarase a competencia básica dos estudantes en seguridade na xestión dos seus perfís nas redes sociais; explicaranse os conceptos de identidade dixital e pegada dixital, e afondarase na configuración das opcións de seguridade e privacidade das redes sociais máis actuais entre os rapaces. Tamén se ofrecerán ferramentas e se explicarán recursos aos que poder acudir cando teñan algunha dúbida sobre o uso seguro da tecnoloxía.

 

Artigos relacionados

Back to top button