O son de bombas marcaba a partir das cinco e media da tarde o inicio do desfile do Martes de Entroido no Barco. Numerosas comparsas enchían de cor, música, ritmos, bailes e mesmo reivindicacións en clave de humor a vila nun traxecto que partía das inmediacións do Hospital Público de Valdeorras e concluía na praza Maior.
Entre as comparsas participantes estaban as de Asfaval, a Anpa Aturuxo do CEIP Julio Gurriarán, a do Colexio Divina Pastora e a do CEIP Condesa de Fenosa, xunto con outras como a Poker Face de Rubiá, o Circo do Sil, a microgranxa ecolóxica ou un xardín moi particular, entre outras.
Había tamén unha comparsa que abordaba en clave satírica a situación da sanidade pública e dos recortes e que durante o percorrido ía interpretando unha cantida cuxo retrouso era “Basta xa de tanto recortar, Sanidá pública universal”. Había tamén comparsas de Medusas, de Mosqueteiros e outras recreando personaxes de Disney e tamén do mundo de Harry Potter.
O desfile abríao unha charanga feminina e pechábao o toque do Folión Os Viticultores de Vilamartín. Para velar pola seguridade no decurso do traxecto contábase coa Policía Local do Barco, o GES Valdeorras e Protección Civil.
Fotos: A.R.