Rematan as obras de recuperación da ponte medieval do Castelo que forma parte do Camiño de Inverno e tamén da Ruta da Encomenda. Para levar a cabo estes traballos que se centraron principalmente no pavimento e nos petos de protección, contouse cunha axuda de máis de 32.000€ (32.145 €) do Plan de Sostibilidade da Ribeira Sacra do Consorcio de Turismo.
A ponte, situada no Camiño de Inverno (moi preto do Castelo dos Novais) sobre o rio Castelo das Eiras, aínda que presentaba un estado de conservación aceptable en canto á conformidade estrutural e morfolóxica -deteriorada polo paso do tempo-, perdera a protección das beiras.
O deterioro do pavimento obrigou a reconstruír 45 m2 a base de canto rodado con morteiro en seco, adaptando o novo ao xa existente. Polos vestixios aínda visibles sabíase que esta ponte de orixe medieval, tiña un peto de protección nas beiras (de 75 cm de alto e 50 cm de espesor) para evitar caer o baleiro, realizado en cachotería a base de lousa. Este muro de protección foi preciso reconstruílo na súa totalidade, respectando os vestixios existentes. As obras de recuperación da ponte rematáronse coa limpeza da pedra e a contorna retirando vexetación invasiva na zona da ponte.
Esta infraestrutura, que forma parte do camiño de entrada a Galicia seguindo o curso do río Sil dende tempos inmemoriais, hoxe “Camiño de Inverno” a Compostela, foi construída con fábrica de xisto. Consta dun van e arco central dun solo punto, cunha altura de 8 m. ancho de 3.75 m. e unha lonxitude de máis de 15 m.
Realizando actuacións de conservación como a recuperación desta ponte, catalogada como elemento protexido, o Concello de Quiroga busca revalorizar os recursos turísticos existentes no municipio como instrumento de crecemento económico.