Co potente directo da banda de versións Broken Peach, arrancaba na tarde deste sábado 15 de abril, a edición de 2023 da Pasarela de Moda O Barco Centro Comercial Aberto.
Da man da asociación Centro Comercial Aberto O Barco e presentada polo humorista, actor e modelo galego David Amor, ao longo de dúas horas desfilaron pola pasarela un cento de modelos de todas as idades, veciños e veciñas da zona e de fóra da comarca, amosando as novidades do sector téxtil e complementos dunha quincena de empresas asociadas, entre elas o Periódico O SIL: cinco comercios de moda infantil e o resto de moda de adultos, apoiando así publicamente unha das campañas comerciais que reúne a un maior número de clientes.

Tras un primeiro pase musical, o desfile comezaba coa aparición sobre a pasarela do presentador que en clave de humor daba a benvida ao numeroso público que enchía a rúa e toda a praza Andrés de Prada, así como aos protagonistas da noite: os comercios e os modelos, así como algún dos convidados como o alcalde do Barco, Alfredo García ou a presidenta da Federación Galega de Comercio, Beatriz Gómez.
Dividido en cinco pases, os primeiros en desfilar eran coma sempre os nenos que encandilaban ao público, especialmente a pequena Gaia que non queria baixar do escenario, con prendas de Casabella, Koki, Marylebone, Dulce Bebé, O Bambán dos Sorrisos e Modas Toño. No segundo pase, xa de adultos, desfilaban Ton y Son, Baamonde e Multiópticas Valdeorras. No terceiro pase tocáballe o turno a Miranda X que desfilaba co Periódico O Sil e Eneska, dando paso a unha nova actuación de Broken Peach. A continuación desfilaban Trios 2.0, N37 e Garoba, pechando o desfile as propostas máis festivas con Can Can e Pizpireta.

Como na edición anterior o presidente do CCA O Barco, Jacobo Arias, subía ao escenario para dar as grazas aos asistentes e sobre todo ao pequeno comercio “que confía e nós e fai que eventos como este sexan posible”, dando tamén as grazas á xerente Ainhoa Carracedo e a todos os colaboradores, convidando ao presentador, “a participar na pasarela do ano que vén como modelo”.
Finalmente, o evento remataba igual que empezara, ao ritmo de coñecidos temas de Lady Gaga ou Michael Jackson.
Máis información e fotos no sesguintes enlaces: https://osil.info/a-pasarela-de-moda-do-centro-comercial-aberto-o-barco-conquista-ao-publico/
https://osil.info/a-pasarela-de-moda-2023-do-cca-o-barco-en-imaxes/
Fotos: A.R./ Mónica G. Bellver.



