En portadaÚltima hora

Ábrese o prazo de adhesión de establecementos ao Bono Activa Comercio

O delegado da Xunta en Ourense visitaba esta mañá unha tenda barquense para animar a comercios e ususarios a participar neste programa de descontos

 

Dende hoxe ata o vindeiro 1 de setembro os establecementos que desexen participar na terceira edición do Bono Activa Comercio xa poden adherirse a este programa da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do seu rexistro na web www.bonosactivacomercio.gal.

Así o sinalaba esta mañá o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na visita que facía a Boutique Garoba no Barco, onde era recibido polo Lili Darocha. “O motivo da visita é poñer en valor o inicio desta campaña Activa Comercio, que pretende dinamizar a actividade comercial, especialmente no comercio de proximidade. Esta medida era aprobada no Consello da Xunta do xoves pasado e a súa orde publicábase no DOG, sendo efectiva dende hoxe”.

A nova convocatoria conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns en vendas, co obxectivo, tamén, de contribuír a reducir o impacto da inflación nas familias. Como en anteriores ocasións, as persoas consumidoras poderán descargar na web un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos. Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros. Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores desde o 15 de maio e ata o 15 de setembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado a este programa.

 

 

Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Gabriel Alén aludía ao “efecto importante” que esta medida “ten sobre o comercio. Na provincia de Ourense na campaña anterior facíanse 500.000 euros, mobilizando 2,5 millóns de euros, polo que hai que destacar o efecto multiplicador destas axudas, que, con pequenos incentivos, axudan a dinamización dos establecementos comerciais como este no que estamos hoxe no Barco”. Nese senso, animaba aos establecementos e aos veciños a sumarse a este programa.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button