A Feira Medieval de Sobrado de Trives faise grande, aumentando cada ano o número de visitantes. Este verán cumpre unha década e, coa colaboración do Concello, a Asociación Cultural Fulión organizou un programa especial co tradicional desfile de bodegas e coidadas representacións teatrais nas que se volverá a implicar o pobo.
Está previsto que os actos comecen o sábado 5 de agosto, cando a veciñanza se reunirá na Praza da Igrexa en torno ás 17.00 horas para emprender a busca do rei, elixido previamente e que será coroado a partir das 19.00 horas Seguidamente procederase á inauguración do Mercado Medieval no que haberá artesanía, doces e produtos típicos da zona. Ás 21.00 horas o rei ofrecerá unha cea que contará coa actuación do grupo Skalopendras. Tal e como explicou Antonio Blanco Rodríguez, presidente da entidade cultural que organiza a Feira Medieval, o elixido é un veciño do pobo, “unha persoa moi vinculada á celebración”.
O domingo 6 de agosto a programación comezará as 12.00 horas co tradicional desfile de bodegas, que estará acompañado da actuación de Airiños de Caldelas. Pola noite, ás 23.00 horas, levarase a cabo a representación teatral da Sentencia Inquisición e a Queima da bruxa. Realizarase un xuízo e, trala fuxida da bruxa, os veciños e veciñas percorrerán o pobo facendo ruído ata atopala.
A Feira Medieval de Sobrado de Trives gaña peso cada ano que pasa, facéndose oco no calendario de festexos de verán na provincia e agárdase que con motivo do seu décimo aniversario siga sumando visitantes.