As Calantornias e os Cabezudos, figuras tradicionais das Festas do Cristo do Barco, ábrense este ano á participación popular, segundo sinala o Concello. “Moitos veciños, tanto adultos como nenos, teñen mostrado o seu desexo de ter a honra de portar as calantornias e os cabezudos. Por este motivo, e para dar a oportunidade a toda a veciñanza, o Concello do Barco abre un prazo para que as persoas que o desexen se anoten para levar estas figuras durante dous actos nestas festas”.
No primeiro dos actos estarán unicamente as calantornias; será o mércores día 13 de setembro, no acto do pregón que se celebra na Praza Maior, entre as 19,30 e as 22,00 horas. Neste caso contase con prazas para dúas persoas adultas. No segundo, o xoves día 14, dúas calantornias e tres cabezudos participarán na procesión, e estarán logo presentes na misa do día do Cristo.
Neste caso, seleccionarase a dúas persoas adultas e tres nenos, estes últimos de como mínimo 10 anos e unha altura máxima de 150 centímetros aproximadamente. Os interesados en participar nesta iniciativa poden anotarse tanto no correo electrónico cultura@concellodobarco.org, como de xeito presencial, no terceiro andar do Edificio Multiusos. Deberán aportar os seus datos: nome, apelidos e teléfono de contacto e, no caso dos nenos, idade e autorización paterna para poder levar os cabezudos.
No caso de que haxa máis interesados que prazas, farase un sorteo entre todos os que queiran participar.