Nova vitoria para o CD Córgomo Vilamartín e xa van catro consecutivas. Na mañá deste domingo 8 de outubro, nun horario pouco habitual, o Campiño de Viloira (O Barco) acollía o partido da xornada 4 en Segunda Galicia (Ourense) que enfrontaba ao CD Córgomo Vilamartín e ao Soutopenedo CF, nun partido dominado de principio a fin polo locais.
De feito eran os de David Pérez os que se adiantaban no marcador, cun temperán e imprevisto gol de Pablo Vega nada máis comezar o partido. Tiveron moitas e boas oportunidades pero o balón non quería entrar e finalmente, pouco antes do descanso o Soutopenedo transformaba un penalti poñendo o 1-1 no marcador.
Tralo paso polo vestiairio e baixo un sol de xustiza desenvolvíase unha segunda parte na que o Córgomo Vilamartín facía das súas con catro goles. Borgas marcaba en tres ocasións (minutos 52, 80 e 89) e Marcos noutra no minuto 59. Os visitantes marcaban un segundo gol no minuto 82 pero o terceiro de Borjas sentenciaba o partido que remataba co contundente 5-2.
Con este resultado os valdeorreses mantéñense invictos no que vai de liga con 12 puntos e no alto da clasificación. O seguinte partido será en Xinzo contra o Antela FC “B”.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.