SanidadeÚltima hora

A oncóloga ourensá Carme García Benito recibe unha axuda da AECC para o desenvolvemento dun proxecto de investigación

O acto de entrega da “Axuda Clínico Júnior no Territorio AECC 2023” tiña lugar esta mañá no CHUO

 

Na mañá deste martes 5 de marzo A Asociación Española Contra o Cancro en Ourense celebraba o acto de entrega da “Axuda Clínico Júnior no Territorio AECC 2023” á Dra. Carme García Benito, oncóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e investigadora predoctoral do Grupo de Oncoloxía Dixestiva de Ourense (GIODO).

Esta axuda ten como obxectivo principal a “aposta decidida pola investigación clínica e permitirá financiar un contrato de investigación para o próximos catro anos cunha dotación económica que ascende a 140.000 euros”, explican dende a Asociación que durante 2023 concedeu un total de 233 axudas competitivas por un importe total de 29,4 millóns de € e entre elas outorgou sete “Axudas Clínico Junior” en toda España, unha delas a de Ourense, o que lle outorga un “enorme valor xa que todas as candidaturas presentadas foron sometidas a unha avaliación exhaustiva do candidato, do investigador principal e do proxecto, por parte de expertos independentes”.

 

A oncóloga ourensá, Carme García Benito.

 

No acto de adxudicación da axuda participaron Félix Rubial, xerente da área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Germán Rodríguez-Saá, presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense; Naiara Cambas, directora de Divulgación científica da Fundación Científica da Asociación Española Contra o Cancro; Joaquín Cubiella, xefe de sección de investigación na área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e investigador responsable do Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva-Ourense; e Carme García, beneficiaria da “Axuda Clínico Júnior no Territorio AECC 2023” e investigadora clínica do devandito grupo no CHUO.

Félix Rubial destacou a relevancia da concesión deste tipo de axudas “esta axuda significa moito, significa que traballamos xuntos e poñemos no horizonte o roteiro que quermos seguir”, ademais indicou que “estamos satisfeitos e agradecidos por este recoñecemento que representa para a nosa área sanitaria haber accedido a unha axuda desta magnitude cun proxecto de enorme calidade científica feito en Ourense por investigadores de Ourense”.

 

Inicio do acto.

 

Pola súa banda Germán Rodríguez-Saá dixo que “en primeiro lugar ver que é posible que unha provincia tan pequena como a nosa coordinando con Sergas Ourense, Grupo de investigación GIODO, e vendo as posibilidades existentes permítenos que a Fundación Científica da Asociación nun proceso de selección obxectivo optase por achegar unha axuda clínica junior a nome de Carme García en Ourense. Isto é un inicio moi importante para nós e, a partir de aquí, ábrese un camiño fundamental para seguir investigando no territorio, analizándoos e dándolle solución aos mesmos.”

Para Naiara Cambas, “a investigación é a mellor ferramenta da que dispoñemos para aumentar a supervivencia en cancro. Dispoñer de técnicas que permitan un diagnóstico precoz e o seguimento de pacientes de risco contribúe enormemente a aumentar a esperanza de vida dunha persoa diagnosticada en cancro. A investigación clínica é fundamental para logralo, xa que os médicos son os profesionais que están máis preto dos pacientes, podendo tanto identificar necesidades como aplicar os avances conseguidos máis rapidamente”.

 

 

Finalmente Carme García  indicou que “a importancia da concesión desta axuda é múltiple xa que por unha banda permitirá devolver á sociedade unhas melloras no sistema de cribado, grazas á publicación do resultado destes estudos, e ademais permitirá situar a Ourense na rede de investigadores a nivel nacional e internacional”. Ademais, a Dra. García resaltou que “esta axuda permitirá consolidarme e formarme en investigación no próximos catro anos compatibilizando a asistencia aos meus pacientes coa formación e a investigación e o desenvolvemento deste proxecto”.

O seu proxécto titúlase “A comparación entre a colonoscopia e a detección de sangue en feces no cribado de cancro colorrectal” e céntrase na importancia da prevención do cancro colorrectal como unha prioridade de saúde pública. Este traballo contribuirá a determinar a mellor estratexia de prevención deste tipo de cancro mediante a análise conxunta de dous estudos clínicos: COLONPREV, no que se comparou o test de sangue oculto en feces e a colonoscopia para diminuír a mortalidade, e POLYPREV, no que avaliou o test de sangue oculto en feces para o seguimento tras unha resección de lesións malignas.

Artigos relacionados

Back to top button