Final feliz para unha historia que comezaba a mediados de marzo, cando unha pata escollía un maceteiro dunha terraza situada á beira do río Sil, na zona antiga do Barco, para facer o seu niño. Coñecía o lugar xa que un dos seus moradores acostumaba tirarlle anaquiños de pan cada día dende esa mesma terraza. Ese veciño levaba unha grata sorpresa cando descubría o niño e trataba, do mellor xeito posible, de coidar a pata e de non molestala para que todo o proceso discorrese o mellor posible.
Cada día a ave ía depositando un ovo no niño ata chegar a sumar un total de 12 e, logo, comezaba a incubalos. Nesta semana, as crías que saían do cascarón (media ducia) comezaban a rachar os cascaróns e neste 17 de abril, logo dalgunhas horas baixo as ás da súa mai, dirixíanse cara ao río Sil, onde chegaban con éxito.
Imaxes cedidas.