Pouco antes das 13h. deste 23 de maio unha representación (alumnado e profesorado) dos centros de ensino que participaban na elaboración do “Pórtico a Luísa Villalta” concentrábanse diante do que aínda se conserva del, no Paseo do Malecón do Barco, en sinal de protesta polos destrozos que sufría este traballo na madrugada do 22 de maio.
Este pórtico era elaborado polo alumnado e profesorado dos 6 centros de ensino do Barco (IES Martaguisela e Lauro Olmo, os CEIPs Condesa de Fenosa, Julio Gurriarán e Otero Pedrayo de Viloira) e o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá, coordinados polos Equipos de Normalización da Lingua Galega. Instalábase na tarde do 20 de maio e apenas dous días despois era destrozado na súa meirande parte por un acto vandálico.
O acto comezaba coa lectura, a xeito de manifesto, dun texto elaborado por un docente do CEIP Condesa de Fenosa, Xoaquín Freixeira, tras coñecerse onte os destrozos vandálicos. Dábanlle lectura unha alumna e un alumno deste mesmo colexio. “Neste acto non só hai unha mostra de violencia gratuíta contra das iniciativas culturais que xorden dos centros educativos da nosa localidade, hai tamén un desprezo polo traballo da nosa xuventude, pola nosa cultura e a nosa lingua, ao tempo que se lle arrebata o dereito a toda a poboación de desfrutar dunha oferta cultural elaborada polo alumnado dos centros educativos da nosa comarca”, dicían.
A lectura concluía do seguinte xeito: “Non é raro que nas noites de fin de semana se destroce mobiliario urbano á saída do ocio nocturno, o que si é raro, e nos debería facer reflexionar, é a indeferencia con que moitos e moitas de nós, observamos iso e pasamos por diante dos destrozos coma se fose algo normal”. E anima á sociedade a “que recompoñamos o Pórtico, e realicemos un acto de desagravio á nosa Luísa Villalta, e que toda a poboación demostre, dunha vez por todas, que non queremos que uns bárbaros condicionen a nosa vida”.
Despois, gardábase un minuto de silencio e, finalmente, a modo de despedida, un alumno do CEIP Otero Pedrayo de Viloira insistía en pedir respecto para o traballo dos escolares. Deste xeito concluía este “acto de desagravio” ante o “Pórtico de Luísa Villalta”.
Fotos: A.R.
