Despois da misa de Corpus Christi, que se iniciaba ás 12h. na igrexa de Santa Rita no Barco, dábase paso á procesión co Santísimo polas rúas do Barco que, tras pasar por Manuel Quiroga e entrar na zona vella por San Roque, dirixíase cara a igrexa de San Mauro, onde finalizaba.
A procesión ía precedida polos nenos e nenas de Primeira Comunón e facía paradas en dous altares, o primeiro deles na rúa Manuel Quiroga, onde dúas veciñas continúan mantendo esta antiga tradición, e o segundo na rúa San Roque. Nestas paradas o párroco do Barco, Jesús Álvarez, ofrecía un responso polas persoas que ao longo do tempo teñen realizado e mantido estes altares.
Ademais na parte antiga da vila a comitiva relixiosa pasaba por riba de diversas alfombras e tamén se lle botaban pétalos de rosas dende os balcóns.
Fotos: A.R.