En portadaÚltima hora

Estudantes de Valdeorras, Viana, Trives e Quiroga comezan na Rúa as probas da ABAU

Un total de 127 rapaces examinaranse dende hoxe ata o xoves no IES Cosme López

 

Con ilusión, certas doses de nerviosismo pero tamén tranquilidade e sobre todo con ganas de que pasen. Así se presentaban na mañá deste martes 4 de xuño, os 127 estudantes dos institutos do Barco de Valdeorras (IES Lauro Olmo e IES Martaguisela); da Rúa (IES Cosme López Rodríguez e Pablo VI); do IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives; do IES Carlos Casares de Viana do Bolo; e do IES de Quiroga que se examinan no instituto da Rúa.

 

 

Dende hoxe e ata o xoves 6 xuño celébranse en Galicia os exames da ABAU (Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade) 2024 para un total de 12.999 alumnos.

 

 

A primeira xornada arrancaba no IES Cosme López Rodríguez ás 9:30 horas coa presentación. Coma sempre para a realización das probas, o instituto rues habilitou dúas aulas contiguas. Nunha examínanse os alumnos dos dous centros do Barco, os do Pablo VI da Rúa e os de Quiroga; e na outra os do Cosme López da Rúa, os de Viana e os de Trives.

 

 

Con cambios nos horarios respecto ás anteriores edición, na mañá desta primeira xornada de apertura serán os exames de Lingua Galega e Literatura; e Primeira Lingua Estranxeira (Inglés, Francés, Alemán, Portugués, Italiano). Pola tarde será a quenda de Física; Grego; Debuxo Técnico Aplicado ás AA.PP. e ao Deseño II; Artes Escénicas; e Ciencias Xerais; Matemáticas II, Xeografía; Fundamentos da Arte II; Fundamentos Artísticos; e Literatura Dramática.

 

 

Fotos: Mónica G. Bellver.

Back to top button