
A partir dunha proposición non de lei presentada polo grupo socialista no Parlamento galego debatíase o 20 de xuño na Comisión 5ª de Sanidade sobre a situación da Pediatría en Atención Primaria no Distrito Sanitario do Barco de Valdeorras. Na iniciativa socialista, presentada pola deputada Carmen Rodríguez Dacosta, pedíase que “o Parlamento de Galicia inste á Xunta a que garanta a calidade asistencial no Centro de Saúde do Barco de Valdeorras solucionando a falta de cobertura das prazas de pediatría”.
A esta proposición, o BNG presentáballe unha emenda para substituír o texto da parte resolutiva polo seguinte: “O Parlamento Galego insta ao Goberno Galego a garantir a atención sanitaria en atención primaria as nenas e nenos do distrito sanitario de Valdeorras con especialistas en pediatría de xeito permanente; e polo tanto, insta a Xunta a cubrir as vacantes e ausencias das e dos pediatras”. Unha emenda que non foi aceptada polo grupo socialista.
Carmen Rodríguez Dacosta explicaba na súa intervención “a difícil situación da atención sanitaria da comarca, na que 2.000 nenos e nenas son atendidos dende principios de 2024 por un único pediatra que ademais vaise xubilar neste outono”. Tamén apuntaba que “o esforzo do profesional é enorme, pero tamén o seu desgaste e frustración, mentres os usuarios, que ata xuño de 2022 contaban con dúas consultas de Pediatría, tense tornado moi precaria e absolutamente insuficiente”.
Dicía ademais que a situación do Barco de Valdeorras “é representativa do déficit de pediatras que se rexistra en diversos centros de saúde da provincia de Ourense, que se ten convertido nun tema recorrente, que deriva en moitos casos na recollida de sinaturas dos pais e nais afectados por unha situación que lles provoca un grave prexuízo”.
Pola súa banda, o representante do BNG na Comisión, o concelleiro vianés Secundino Fernández, resaltaba a necesidade de cubrir esta atención e enumeraba, concello por concello do distrito, o número de nenos existentes neles, citando datos do INE. “Un total de 2.626 nenos e nenas. Pero estes non son números fríos, teñen detrás a nais e pais desesperados que necesitan un diagnóstico fundalmenta, porque esta xente miúda representa o noso futuro”. Ademais poñía sobre a mesa as circunstancias particulares deste distrito, cunha gran superficie, lonxanía entre os concellos e O Barco e tamén a deficiente situación das comunicacións. “Falamos de que estes concellos teñen unha superficie de 1.320 km2, hai moita distancia entre os concellos e o centro urbano do Barco. Entón, á falta de servizos de pediatría, súmanse esas distancias e as malas comunicacións, o que forma unha tormenta perfecta que se pode converter nunha catástrofe o próximo outono. Por iso esiximos que se cubran as prazas de pediatría”, concluía Secundino Fernández.
Pola súa banda, o grupo parlamentario do PP, cuxa voceira na comisión era Encarna Amigo afirmaba que a atención de pediatría no Hospital de Valdeorras “está completamente garantida neste momento gracias á prolongación de xornada dos profesionais que traballan neste centro sanitario”. Ademais, lembrou que a Xunta ten aberto un procedemento por concurso de méritos para dotar de profesional esta praza vacante de pediatría, “un sistema que no seu momento rexeitaron tanto o BNG como o PSdeG”.
Encarna Amigo lembrou que “levamos moitos anos reclamándolle sen éxito ao Goberno central a adopción de medidas para facer fronte ao problema de falta de pediatras e médicos de familia”. En concreto, demandou que “nos fagan caso cando pedimos flexibilizar a acreditación de prazas, cambiar o método de asignación das prazas MIR e crear un rexistro estatal de profesionais sanitarios para coñecer realmente as necesidades existentes”.
Así mesmo, a deputada popular agradeceu o esforzo que neste momento están a facer os pediatras do Hospital de Valdeorras que prolongan a súa xornada para garantir a cobertura dos pacientes e confiou que a Xunta adxudique no menor prazo de tempo posible esa praza de pediatría a outro profesional.
Finalmente a iniciativa socialista non saía adiante na comisión parlamentaria.