Continúan as actividades de verán en Parada de Sil e, desta volta, con teatro. Así para o vindeiro 13 de xullo ás 19h. representarase no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil a obra “Od(i)osa”. É un teatro-danza da compañía Proxecto Morriña que rescata da memoria galega, máis concretamente do ano 1989, a folga que ocorreu na Illa de Arousa, na conserveira Odosa.
“Unha loita que as propias traballadoras, sen apoios de ninguén máis, emprenderon para reclamar os seus dereitos laborais. Así, máis de cen mulleres encerráronse dentro da empresa ao redor dun mes e catro delas chegaron a facer unha folga de fame. Todo isto polo simple feito de que as tomasen en serio, para ser escoitadas”, explican dende a compañía.
Así “Od(i)osa” volve traer á vida esta historia coa que “lle falamos directamente ao público”, prosegue o equipo, formado por Noelia Nuño como directora e dramaturga (estudante da Esad e escritora); Claudia Darriba, directora e coreógrafa, ademais de fundadora da compañía. As actrices que encarnan esta historia son: Rosalía Alonso, Irene Rodriguez e Carla Andrade.
