En portadaÚltima hora

Rememorando a historia na II Feira Irmandiña do Bolo, o 14 de agosto no entorno do castelo

De 11 a 23 horas haberá postos de produtos tradicionais e actividades paralelas como xogos infantís ou teatro

 

Nacía o ano pasado como unha proposta do equipo de goberno para dinamizar o concello do Bolo, ademais de promocionar os produtos locais, e neste 2024 celebrarán unha nova edición.

Tomando como referencia o asalto ao castelo no século XV que provocou a destrución de parte da edificación, o 14 de agosto celebrarase a II Feira Irmandiña do Bolo, no entorno do Castelo e praza da Igrexa. Tal como explicaba en rolda de prensa o alcalde, Aberto Vázquez, a idea é fixar esa data, no marco das Festas patronais que son o 15 e 16, aproveitando unha maior afluenza de xente no municipio e será de 11 a 23 horas con actividades paralelas.

 

 

Ás 11 abrirá as portas coa inauguración e a apertura da exposición dos produtos nos diferentes postos da vila e da comarca, como o viño, o aceite, o mel e os embutidos que estarán abertos durante todo o día na praza ao lado do castelo. Dentro do recinto amurallado instalarase este ano un posto de comida, que este ano terá como novidade o porco asado ao espeto (prezo do menú, 12 euros). Ese día tamén estará aberto o castelo con visitas guiadas gratuídas (11, 13:30 18 e 19:30h.) e tamén haberá actividades para os nenos, colchonetas e xogos tradicionais vencellados á Idade Media, así como cantos de taberna.

Pola tarde, “como novidade incluímos unha actividade teatral coa representación do levantamento irmandiño a cargo da compañía Platea Lúa, e gustaríanos que participase a xente vestida de época. Tamén estará Mario Nogueira cos bois”, di o alcalde, engadindo que como remate final haberá un video mapping, unha representación no muro da torre a partir das 22 horas, de como foi este levantamento que poderá verse dende toda a contorna.

 

 

Na presentación tamén estaba o tenente de alcalde Miguel A. García quen ratificaba a idea do equipo de goberno. “Dende o principio os dous partidos tiñamos claro a idea de facer algo no castelo que servise de foco para darlle visibilidade aos nosos produtores”, dixo.

Fotos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button