A música tradicional envolvía nesta tarde Manzaneda. A vila acollía dende as 19:30 horas o VII Serán da Seitura de Manzaneda-Memorial Ludivina Pérez, que tiña como escenario a praza da Igualdade. Este evento musical nacía como foro para poñer en valor os cantos tradicionais das Terras de Manzaneda e Trives. Nesta edición dábase cita un numeroso grupo de cantareiras e cantores, entre os que cabe destacar a participación do artista Óscar Ibáñez, encargado de pechar o Serán da Seitura.
O programa iniciábase cunha ofrenda floral ante o monumento de Ludivina Pérez Rocoi e tamén incluía unha homenaxe póstuma a Clotilde Salgado. A partir de aí comezaban as actuacións da violinista Candela Rodríguez, de Jacinta Fernández de Lentellais, do grupo A Pinguela de Manzaneda, Fiuca de Trives, Blandina de Cotarós, as Cantareiras da Real Xuvenil, Digna de Vilanova, o grupo de arcordóns Airiños da Porta Falsa de Manzaneda, Rogelio de Aceveda, Aquilino de Bidueira e, finalmente, Ibáñez e a Real Xuvenil.
Xa pola noite, está prevista a celebración da Noite Celta a partir das 23h. na Estación de Manzaneda con diversas actuacións.
Fotos e vídeo cedidos.
