A xunta de goberno da Deputación celebrada o pasado venres 9 acordou aprobar as bases reguladoras xo XIV Premio “Pura e Dora Vázquez”, de narración e ilustración, dotado con 1.500 euros para cada unha das modalidades. Así o anunciou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación, Montserrat Lama, que compareceu para dar conta dos acordos adoptados na reunión.
Entre eles, tamén se aprobou a adhesión dos concellos de Cartelle, Parada de Sil e Xinzo de Limia ao convenio de colaboración coa Deputación para prestar o servizo de inspección de tributos municipais. De iugal xeito, deuse luz verde a unha modificación nunha obra que se está a levar a cabo no acceso a un velorio no Concello de Melón.
En materia de infraestructuras, a xunta de goberno da Deputación acordou aprobar unha axuda de 16.357,67 euros en favor da Diocese de Ourense para acometer obras na Capela de San Pedro de Viñao (Punxín); 33.749 euros para substituír unha cuberta e a mellora no Graneiro en Piñor; 75.000 euros para Verín, para reparar as cubertas do pavillón de deportes; e 30.000 euros para Cortegada, para urbanizar a vía de servizo do parque empresarial do municipio.
En servizos sociais, a Deputación deu luz verde á concesión dunha axuda de 50.000 euros á Fundación Gavela para mantemento da entidade no 2016.
En total, as axudas concedidas en infraestruturas, servizos sociais e cultura nesta xunta de goberno suman os 208.106 euros.