Pasadas as 13h. deste 17 de agosto producíase un grave accidente de tráfico na Rúa, nas proximidades da saída desta vila en dirección a Vilamartín, na estrada N-120, no quilómetro 465,5. No accidente víanse implicados unha moto e un coche. Como resultado do sinistro resultaba falecida á persoa que conducía á moto, tal e como confirma a alcaldesa da Rúa, María G. Albert.
Ata o lugar do accidente desprazábase o 061-Urxencias Sanitarias. Debido á gravidade do accidente, o persoal sanitario comunicou a saída do helicóptero medicalizado con base en Ourense, que tomou terra na mesma estrada, pero, o persoal sanitario nada puido facer por salvarlle a vida a motorista, e tras os intentos de reanimación, os profesionais sanitarios confirmaron o falecemento do motorista.
Tamén acudían ao lugar do sucesso o GES Valdeorras, os voluntarios de Protección Civil da Rúa, os bombeiros do Parque Comarcal, a Policía Local e a Garda Civil de Tráfico.
“Así mesmo, os Bombeiros comunicaron ao 112 Galicia o remate da súa intervención e indicaron que o condutor do turismo non parecía revestir gravidade, puidera saír polos seus propios medios do interior do turismo, sen ser necesario excarcerar”, segundo informa o 112 Galicia.



