Minutos antes das sete e media deste sábado 17 de agosto a praza César Conti da Rúa Vella íase enchendo de peculiares ciclistas de todas as idades, caracterizados de xeitos moi diversos: dende os que ían de atletas da recentes olimpíadas, ata os que imitaban a elegancia dos pavos reais ou aqueles outros que recreaban contos clásicos.

En total eran unhas 130 persoas (organizadas en 16 grupos de diferentes temáticas) que se sumaban á edición do 2024 da Volta Ecolóxica da Rúa Vella, unha orixinal e participativa proposta incluída nos actos das Festas de San Roque dende hai 42 anos.
Os grupos eran os seguintes: Mergulladores da Rúa Vella, Super babys, Muller chapa, Barrio Sésamo, Pavas Reais, Agrolímpicos, O clima, Jasmine e futbolista, Ideas brillantes, Piscineiros, Olimpíadas, As Maruxas, Grease, Puesgdenon, As canibales e A dama vermella.

Seguindo a normativa do concurso, os participantes saían en bicicleta ou noutro vehículo ecolóxico (como patinetes e carros con disfraces feitos en moitos casos con material reciclado) dende a praza César Conti, encabezados polo vehículo da Policía Local, ata completar o vistoso percorrido no campo de San Roque.
Os premios do concurso entregábanse a partir das nove da noite e eran os seguintes:
-
- O de maior idades para Luis: 66 anos
- O menor idade para Álvaro: 27 meses
- A comparsa máis numerosa: Grease
- A comparsa máis orixinal: O Clima
- Solitaria más orixinal: Jesica
Fotos: A.R.

