En portadaÚltima horaVídeos

Os servizos e políticas públicas europeas sobre despoboación, no Congreso EsMontañas en Trives

 

Segunda xornada do VIII Congreso EsMontañas, que aborda en Trives dende o 19 de setembro, o futuro do rural e dos municipios de montaña. O programa retomábase esta mañá de 20 de setembro no Auditorio Julio Vázquez da vila cunha mesa redonda centrada nos “servizos para vivir”, moderada por Iolanda Ferrán, alcaldesa de El Pont de Suert (Lleida), e na que participaban Sixto Marín, arquitecto e profesor Unizar; Miguel Ángel Luengo, alcalde de La Alberca (Salamanca); e José Polo, presidente de Semergen.

A partir de aí dábase paso a outra temática destacada: “as políticas públicas europeas coa perspectiva de despoboación”. Nesta mesa, coordinada pola rexedora de Córdoba, María Dolores Amo; participaban cinco expertos: Francisco Velasco, catedrático de Dereito Administrativo (UAM); Luis Antonio Sáez, profesor de Política Económica Unizar; Estela Gutiérrez, directora de gabinete do secretario xeral para Reto Demográfico; e os eurodeputados galegos Nicolás González e Adrián Vázquez.

A moderadora abría as intervencións sinalando que “Europa ten que mirar aos nosos municipios e ao mundo rural”, para dar paso deseguido a Luis Antonio Sáez, quen analizaba as “políticas europeas ao fío das españolas”, indicando que “comparten bastante dos defectos, das carencias, aínda que tamé haxa cuestións interesantes”. Incidía en que o “rural en España tivo pouca importancia e chegou dunha maneira case inesperada, sen unha metodoloxía nin un plantexamente serio. En Europa pasou algo parecido”. Así mesmo destacaba que “cambiou a mentalidade e os problemas relevantes agora mesmo son de mentalidade, e isto non se está tendo en conta”.

Pola súa banda, o catedrático Francisco Velasco comezaba lanzando varias preguntas e unha reflexión: “Fai Europa o suficiente? non pode facer máis? e ¿xa depende de nós?”. Recoñecía que na Unión Europea hai bos documentos de estratexia política, pero tamén existen limitacións, xa que a “Unión Europea ríxese polo principio de atribución. Hai unha competencia, a de cohesión económica territorial e social, na que se mobilizaron algúns instrumentos pero a UE non pode ir máis alá. Tamén hai dificultades polo principio de subsidiariedade”.

 

 

Tras Velasco, interviña o eurodeputado Adrián Vázquez, quen argumentaba que os servizos no medio rural son unha cuestión de “dereitos” e que era necesario “conseguir categorías de escala e de acceso aos servizos”. Aseguraba que a nivel europeo “as ferramentas están aí” e citaba como “gran reto o principio de subsidiariedade”.

O tamén eurodeputado Nicolás González recoñecía que “dende Europa temos ferramentas, pero debemos saber usalas. E non falo só dos concellos, senón tamén das comunidades autónomas e do goberno”. Comentaba que as comunidades rurais teñen en común problemáticas como a orografía, a falta de comunicacións… o que complica a prestación de servizos. E, nese senso, resaltaba que o rural “poñen en valor o territorio e a todo o que rodean, prestan moitos servizos aos ecosistemas urbanos, e isto ten que ter un retorno en termos de financiamento”. Referíase ademais á necesidade de camiñar na descarbonización e no desenvolvemento das renovables, “pero sempre que isto nos beneficie a todos”.

A quenda de intervencións completábaa Estela Gutiérrez, que principiaba mencionando a importancia da capacidade de adaptación aos cambios e falaba do reto do desequilibrio demográfico, dende unha “visión local, pero cunha incidencia global”. Aseguraba que “todas as políticas de desenvolvemento rural que se están a realizar están enfocadas no rural, pode que sexa un bo enfoque”, e matizaba que “o problema real témolo nas cidades”.

 

 

A sesión matutina deste congreso completábase cun taller titulado “territorio rural intelixente”, impartido polo xornalista Manuel Campo Vidal, o programador industrial Javier Rodríguez e o enxeñeiro en eficiencia enerxética Iago Campo. Tras el interviña a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen facía fincapé na importancia da cooperación institucional. “As administracións temos que ir da man da administración máis cercana aos cidadáns, que son os concellos. Aquí non existe ideoloxía”. Ademais, engadía, “temos que ir da man de Europa e conseguir fondos europeos e simplificar a administración”. Vázque apuntaba que “temos que estar orgullosos das montañas” e poñía en valor o rural.

O programa deste foro continuaba pola tarde cunha mesa sobre innovación “a clave do desenvolvemento para a montaña”.

 

 

Fotos: O SIL/Cedidas.

 

 

Back to top button