
Na noite do venres 20 de setembro producíase un accidente de tráfico no que perdía a vida o condutor dun camión tras ser atropelado na A-52, (km 239 Benavente-Santiago) no termo municipal de Toén. Tal como explican dende o 112 Galicia, “un rebentón de roda foi o causante de que o camioneiro baixara do vehículo de orixe portugués sendo nese momento cando se produciu o atropelo por parte do turismo”.
Daban as 23:10 horas cando o 112 Galicia era coñecedor do suceso a través das chamadas de diferentes particulares. Segundo informaban, “producírase un atropelo na A-52, ao seu paso pola parroquia de Feán, en Toén”. O sinistro involucraba a un camión que transportaba leña e a un turismo e “xa nun primeiro momento, solicitaban asistencia sanitaria urxente tanto para o camioneiro, que estaba tendido na estrada, como para o condutor do turismo, que estaba inconsciente no interior do mesmo”.
Por iso, desde a sala de operacións do 112 Galicia informaban ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos bombeiros do Carballiño, aos membros do GES de Ribadavia, aos axentes da Garda Civil de Tráfico (acudían a patrulla OU-102 e o Equipo de Investigación do Subsector de Ourense) e aos efectivos de Protección Civil.
Con todo, “desgraciadamente o camioneiro perdeu a vida debido ao atropelo, a maiores, o condutor do turismo tivo que ser trasladado en UVI móbil ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense”.



