Na xornada do sábado 21 de setembro celebrábanse en Santiago de Compostela dúas probas da Liga Galega Sprint de Orientación Pedestre.
A primeira tivo lugar durante a mañá no mapa da Cidade da Cultura no que “os corredores tiveron que facer fronte a un percorrido con alternancia de puntos de control ubicados no entramado labiríntico de edifícios do complexo e outros no monte que o arrodea”, explican dende o Club Peña Trevinca Barco que situaba a dous deportistas no podio. Xan Trigo Recarey era 1º en M55 e Brais Rodríguez Cruz 1º en M12. Martín Barja Pérez da A.D. Limiactivas de Xinzo era 2º en Iniciación Curta.
E xa pola tarde, a segunda carreira celebrábase baixo a chuvia nun renovado mapa do Campus Sur e cun percorrido practicamente chairo e moi rápido, que remataba cun labirinto con balizas no campo de hóquei universitario. Nesta proba Brais volvía gañar na súa categoría mentres que Xan Trigo era 2º. Do outro club ourensán (A.D. Limiactivas de Xinzo), Juan Garrido Blanco era 2º en M21A e Lucas Barja Pérez 3º en M14.
Fotos de Xan Trigo cedidas pola organización.



