Textos, debuxos, fotos ou composicións virtuais. Eran as diferentes opcións coas que se podía participar no concurso de ideas de exhaltación do Godello de Valdeorras convocado polo IEV e pola Serenísima Orde do Godello que xa ten gañadores.
O presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, acompañado polo resto da directiva, era o encargado de dar a a coñecer o nome dos catro galardoados, nunha rolda de prensa celebrada na tarde deste 24 de setembro na Biblioteca Mª Teresa de Vega Giménez “Patere”, no segundo andar da Casa Grande de Viloira.
Alí, Blanco Trincado explicou que participaban no concurso unha decena de persoas da comarca e tamén doutras zonas como o Ribeiro ou Madrid, aínda que “chegaron moitas máis ideas”, recibindo os dez un accésit por participar. “É unha campaña deseñada unicamente para colaborar na difusión do noso viño máis universal, polo que non hai premios en metálico nin de metais preciosos, pero si uns detalles feitos en madeira autóctona por Artesanía Enxebre de Valdeorras, moi bonitos para premiar ás mellores ideas”, dixo o presidente do IEV.
O primeiro premio é para Tino Fernández Aristegui polo seu cartel dunha “Moeda cun romano brindando con godello”; o segundo para Álvaro Rodríguez (Purre) polo seu “Rei brindando con copa godello”; o terceiro para Ernesto Martínez Álvarez pola súa lenda (sen debuxo) “Godello de Valdeorras, isto e outra cousa!” = “Godello de Valdeorras: a uva máis a terra, ou non che saberá igual”; e o cuarto para Manuel Juan Otero Pérez por dúas composicións relativas ao godello.
O presidente do IEV explicou que farán un estudo da historia do godello en Valdeorras que entregarán ao Concello Regulador xunto ás ideas do concurso “para que poidan utilizalo como mellor vexan”, dixo, destacando que para o certame non contaron con ningunha aportación externa.
Para o que si contan con colaboración é para levar adiante diferentes proxectos como unha nova edición do concurso de fotografía Manuel Blanco Pascual (patrocianado pola Turismo de Galicia) que nesta ocasión xirará en torno ao Camiño de Inverno ou as edicións facsímiles do Cadernos do IEV (coa axuda da Deputación). “En outubro sairá o primeiro que son os volumes I e II nun só tomo.
Tamén adiantaron a posta en marcha do “Obxectio, xenios”. Un proxecto iniciado hai xa anos baixo o nome de “Escola de xenios” que retomarán agora convocanco a xente de todas as ideas a “participar nunha escola onde poderán desenvolver a súa imaxinación, propoñendo ideas, inventos ou proxectos que, polo seu interese e viabilidade sexan susceptibles de patentar”.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.



