CulturaCulturaÚltima hora

A singular pintura de Lola Doporto regresa ao escaparate de Miranda Moda, no Barco

Unha escolma de cadros desta aprezada artista de Millarouso poderán verse ata finais de novembro

 

As marionetas da pintora Lola Doporto coas súas inquietantes mirada, volven poboar o escaparte de Miranda Moda, na céntrica avenida Conde Fenosa do Barco. Esta artista natural de Millarouso (O Barco) regresa ao que foi a súa primeira sala de exposicións alá polo verán de 2016, dentro do proxecto MirArte.

Dende entón o seu estilo, temáticas e técnicas teñen ido evolucionando, pero sempre mantendo unha forte personalidade que fai única e enormemente atractiva a súa obra. Expoñía neste mesmo espazo no verán de 2020 e no mes de decembro dese mesmo ano, así como en decembro de 2021 e, agora, tras pasar por salas ourensás, doutros puntos de Galicia e mesmo de Madrid, volta a Miranda Moda.

 

 

Así esta é a cuarta ocasión na que a súa obra poderá contemplarse neste escaparate. A escolma de obras da mostra achegan a unha pintora fiel ao seu estilo, con óleo e paleta, cos seus personaxes característicos acompañados de aves. Apréciase unha evolución dende “as primeiras marionetas e mulleres serias e observadoras, case inmóbiles, ata as mulleres cheas de orgullo que se amosan seguras de si mesmas”, explica a autora.

 

 

Son figuras plenas de cor, con vestimenta elaborada “case con filigranas e acompañadas de paxaros formidables na actitude e plumaxe”. Nesta ocasión tamén chama a atención a súa faceta de retratista, menos coñecida, en cadros como de Curros Enríguez, “pleno de cor e vida”, e de Celso Emilio Ferreiro, “con xesto alegre e vital”.

Esta exposición poderá verse ata finais de novembro no escaparate de Miranda Moda no Barco.

Fotos cedidas.

 

Back to top button