A oitava edición do Trail Ribeira Sacra consolidouse como “un referente no calendario deportivo nacional, celebrándose cun éxito rotundo”, aseguran dende a organización, destacando que, coa participación de 390 deportistas que se deron cita en Luíntra, municipio de Nogueira de Ramuín (Ourense), o evento foi “un verdadeiro festín para os sentidos, cun clima perfecto que acompañou aos corredores no seu desafío”. Esta cita contaba, entre outros colaboradores, con Iberdrola.

Ás 8 da mañá do domingo 13 de outubro, os participantes lanzábanse á aventura dun percorrido esixente de 48 km e 3.450 m. de desnivel positivo, atravesando as impresionantes paisaxes do Cañón do Sil. Esta proba non só desafía a resistencia física, senón que tamén ofrece unha oportunidade única para gozar do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra.

“O percorrido é unha pasada, non ten nada que envexar a ningunha carreira”, compartiu un emocionado Jesús Gil tras cruzar a liña de meta cun tempo de 5:12:53 batendo o récord do circuíto establecido en 2023 por Álvaro Escola. Na categoría masculina, Alejandro Maior Guzmán ocupou o segundo lugar cun tempo de 5:27:4, mentres que Jose Manuel Gil Bernardez, nunha actuación notable, completou o podio con 5:31:26.

A categoría feminina foi dominada por Yasmina Castro, que non puido mellorar a súa marca de 2023 cruzando a liña cun tempo de 6 horas 38 minutos e 31 segundos. “Non puiden resisitirme a volver a esta carreira, é impresionante. Para o ano que veñen estarei de novo en Trail Ribeira Sacra”, asegura. Carolina Niño Ospina levou un merecido segundo posto cun tempo de 6:1:33. O podio feminino completouse con Alejandra Seoane Rial, quen logrou un tempo de 7:16:58.

A xornada non só se centrou na competición, senón que tamén ofreceu unha experiencia enogastronómica inigualable. “A GastroexperienciaTRS permitiu aos participantes e ao público gozar dunha infinidade de produtos de excelente calidade, grazas á colaboración do chef ourensán Paco Gómez, quen deleitou aos asistentes con pratos adaptados para celíacos e veganos, resaltando a riqueza da gastronomía galega”, din dende a organización deste evento que se converteu nun escaparate que celebra non só o deporte e a superación persoal, senón tamén a riqueza cultural e gastronómica da Ribeira Sacra.
Durante a xornada, realizáronse presentacións e degustacións, acompañadas de música en vivo e actividades para todas as idades.



