“Como valdeorrés, dá gusto ver á xente dos nove concellos da comarca, unha comarca que é loitadora, que destaca por poñer en valor esa capacidade, ese capital humano que ten en canto ao emprendemento”. Deste xeito iniciaba o rues Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, a súa intervención na clausura da asemblea anual da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), que se celebraba na noitiña do 18 de outubro na adega Roandi de Éntoma (O Barco).
Este acto contaba coa presenza de numerosos empresarios, así como de autoridades como o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; a deputada delegada especial para Valdeorras na Deputación de Ourense e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González; e os rexedores do Barco, Alfredo García, e de Larouco, Patricia Lamela.
Era a presidenta de AEVA, Araceli Fernández, a primeira en tomar a palabra na clausura, presentando a Merelles como “valdeorrés de pro, ten ocupado postos de gran relevancia na administración pública, destacándose polo seu compromiso con Valdeorras e a súa firme defensa. Baixo o seu liderado na Axencia de Turismo, vimos iniciativas que fortaleceron o tecido empresarial e turístico da nosa comarca, contribuíndo a posicionar a Valdeorras no mapa turístico galego e nacional”. E finalizaba expresando a súa confianza de que “a súa visión seguirá impulsando o crecemento da nosa comarca”.
A partir de aí Xosé Merelles pronunciaba un discurso, no que agradecía a “AEVA e á súa xunta directiva, por darme esta oportunidade de participar neste acto de clausura que para min como valdeorrés é unha honra moi especial porque estou diante dos empresarios, do motor desta comarca. Eu quero felicitar a AEVA por levar máis de trinta anos fomentando o asociacionismo empresarial e comercial na comarca nun entorno no que ás veces non é moi doado manter esta unión de empresarios ao longo de tanto tempo”.
Ademais o director de Turismo de Galicia louvaba as singularidades de Valdeorras, o seu empuxe en canto a emprendemento e dinamismo empresarial. “É unha comarca loitadora, que destaca por poñer en valor esa capacidade, ese capital humano que ten en canto ao emprendemento”. E facía fincapé en dous dos seus sectores de referencia: o da minaría da lousa e o vitivinícola. “Valdeorras foi quen de poñer en valor produtos de gran calidade como é a lousa e de situalos nos primeiros lugares do mundo como un dos produtos mellores no eido da minería e de máis calidade ou mesmo o viño, o godello, en pouco tempo. Tanto a explotación da lousa como o cultivo do godello son exemplos da capacidade que ten Valdeorras e o seu empresariado para pór en valor os produtos que temos na comarca”. Incidía ademais na importancia de “crernos realmente o que somos. Ás veces hai quen ve a Valdeorras como algo lonxano, eu sempre lles digo que teñen que vir aquí, eu sempre que podo busco algunha excusa para vir e senón, invéntoa”.

Merelles tampouco esquecía os atrancos que debe superarse, algúns deles demandas históricas, como a das infraestrutras. “Quédannos bastantes retos por afrontar e temos que seguir sendo reivindicativos nalgúns casos como é o das comunicacións. Temos unha estrada que é a N-120, a principal arteria que nos comunica tanto con Galicia como co resto do Estado, e debemos seguir reivindicando a súa mellora ou a comarcal 533, que, no treito entre A Gudiña e Viana do Bolo, parece que vai mellorar. Hai que reivindicar as comunicacións ferroviarias e seguir traballando por esa unión de todos os ámbitos comarcais: o institucional, os concellos, o ámbito social e o económico. Indo da man todas estas partes da socioeconomía e da sociedade valdeorresa, seguro que nos vai ir ben. Eu agradezo a presenza de todos vós e hai representantes de grandes empresas, que están aquí radicadas dende hai moitos anos, e tamén de pequenas empresas, o cal nos indica o interese que hai polo desenvolvemento económico da comarca e eu creo que vai seguir tendo un grande futuro”.

Un futuro no que, en opinión de Merelles, debería apostarse polas “novas tecnoloxías, pola formación e tamén polo turismo, que agora mesmo é unha actividade que se está estendendo a toda Galicia, que cada vez se está desconcentrando máis e está beneficiando a territorios que historicamente non estaban tan desenvolvidos e mesmo é unha gran ferramente na provincia de Ourense e, concretamente na nosa comarca, para facer fronte á despoboación. Nós temos bos vimbios para elaborar produtos turísticos relacionados coa natureza, a cultura, o patrimonio e tamén a gastronomía e por aí van as liñas nas que estamos traballando, que están relacionadas coa sostibilidade”.
O director de Turismo de Galicia concluía a súa intervención resaltando os recursos turísticos valdeorreses. “Nós temos grandes temas que desenvolver neste ámbito en contacto coa natureza, mesmo co turismo industrial, que estamos traballando xa para desenvolver produtos que probablemente non haxa en ningún outro territorio de Galicia e, por suposto co viño, xa que o godello está posicionado como un dos mellores brancos do mundo e debemos seguir apostando e crendo neste recurso e nesa xoia que temos, ademais de atraer a visitantes por cuestións relacionadas cos nosos costumes e co noso xeito de vivir, que agora mesmo é o que busca o gran público internacional que cada vez está vindo máis a Galicia”.
Fotos e vídeo: O SIL.