Tralo descanso estival, este aoves 6 de outubro regresa á parrilla da TVG “O gato con botas” un programa de entrevistas conducido por Manuel Manquiña que estrea tempada coa gaiteira ourensá Cristina Pato como convidada.
Nesta tempada o espazo televisivo apostou por entrevistar a recoñecidos galegos que viven fóra de Galicia pero que seguen a ter unha forte vinculación con Galicia como a propia Pato, Luis Moya ou Antón Lamazares, en futuros programas. Na primeira entrega, Manuel Manquiña desprazarase ata Ourense para coñecer o lado máis íntimo e persoal da gaiteira máis internacional, que actualmente vive en Nova York.
Con 35 anos Cristina Pato acumula centos de actuacións en escenarios de Asia e de América, críticas nos máis prestixiosos xornais, unha residencia en Harvard e un compromiso coa educación e as artes abalado pola mesma Michelle Obama. Instalada dende fai unha década en Nova York, a gaiteira recibirá a Manuel Manquiña na súa casa en Ourense a onde regresa sempre que pode para estar coa súa familia. Dende alí, o espectador de “O gato con botas” coñecerá de primeira man como foi a súa infancia ao ser a pequena de catro irmás, os seus comezos coa gaita aos catro anos, como lembra o salón de baile que tiña o seu avó onde os seu pai e os seus tíos tocaban o acordeón ou como coñeceu ao seu home entre foles e aturuxos. O programa contará tamén coa participación da nai e as irmás de Cristina así como do seu home, Xan.