Despois de seis vitorias, logrando algunhas das mellores marcas, o atleta ourensán Alejandro Fernández Rivera poñía fin á súa carreira deportiva, na 47 edición da Carrreira Pedestre Popular San Martiño disputada na mañá deste domingo 10 de novembro na cidade de Ourense.

Aos seus 39 anos, Alejandro decidía poñer fin a unha dilatada e exitosa traxectoria deportiva na San Martiño, porque para el é algo sentimental e a nivel persoal a carreira máis importante. Foi pois un día de recordos e emocións que completaba cun meritorio cuarto posto lucindo no seu dorsal o nome de “Willy”.

En primeiro lugar chegaba o etíope Workneh Fikire que se estreaba na San Martiño con vitoria. O integrante do Atletismo Narón que viña de gañar o 10K de Negreira e de correr en Frankfurt, facía un tempo de 30:23. Segundo era Esteban Iglesia Vila de Atletismo Lucus, cun tempo de 31.40; e terceiro Yago Ignacio García Sainz, de Atletismo Santiago, cun tempo de 31.47.

Na categoría feminina a viguesa Esther Navarrete Santana revalidaba o seu posto do 2023 cunha nova vitoria nesta edición cun tempo de 34:33. Segunda era Uxía Pérez Bugarín de Atletismo Celta cun tempo de 35:39; e terceira, Itziar Manso Heras de Ourense Atletismo cun tempo de 37:37. A atleta do Adas Iria Fernández Fontenla era oitava cun tempo de 39:35.
Fotos: Mónica G. Bellver.



