O adro da Igrexa N.S. de Fátima en Fontei (A Rúa), en pleno tramo valdeorrés do Camiño de Inverno, acollía na mañá deste martes a sinatura dun acordo entre Turismo de Galicia e a Asociación de Municipios do Camiño de Inverno a Santiago para o impulso e promoción desta ruta xacobea.

O documento era rubricado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o presidente da Asociación, o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, diante de representantes de boa parte dos 16 concellos galegos polos que pasa o Camiño así como de veciños da comarca, destacando que mentres non reciban apoio da Junta de Castela León, serán as propias entidades locais (os 4 concellos do Bierzo polos que pasa) as que invistan e actúen a prol da ruta.
Agradecido en nome do colectivo de municipios, Enrique Álvarez asegurou que van tratar de que “eses cartos conseguidos e que ti tiveche a ben poñer enriba da mesa sexan útiles e realmente sirvan para poñer ao Camiño de Inverno onde se merece”, dixo dirixíndose ao rues Xosé Manuel Merelles, sen esquecerse das “diferentes asociacións creadas en torno á ruta xa que se chegamos ata aquí foi grazas a elas”, asegurou convidándoas a que “sigan pelexando porque fan falta xa que ninguén coma eles coñecen o Camiño e das súas necesidades, que nolas fagan chegar”.

Pola súa banda, Merelles destacou a satifacción de Turismo de Galicia “de estar hoxe aquí e ver que o Camiño de Inverno que se oficilizaba como ruta xacobea a Santiago hai 8 anos, segue aumentando tránsito de peregrinos aumentando case nun 37% neste 2024 con respecto ao ano pasado e un 42% máis que no mesmo período que 2023”. Os 2.700 peregrinos son quizais cifras cativas pero “a progresión é moi importante por iso este acto co que oficializamos a sinatura deste convenio é un paso importante para seguir colaborando entre administracións e asociacións. É importante que todos estemos apoiando esta ruta, unha das que ten máis empuxe para a peregrinaxe non só de españoles senón moitos estranxeiros”.
España é o lugar de procedencia da maioría destes peregrinos, seguido de Italia (154), Portugal (115) e Estados Unidos (84). É o itinerario polo que tradicionalmente optaban moitos peregrinos medievais para evitar os cumios do Cebreiro con máis de 1.330 metros de altitude. Entra en Ourense por Valdeorras atravesando a Ribeira Sacra, ten uns 210 quilómetros de percorrido e atravesa as catro provincias.
Este convenio, que servirá tamén para dar visibilidade aos concellos polos que pasa, enmárcase na estratexia levada a cabo por Turismo de Galicia para intensificar a promoción e posta en valor dos camiños menos transitados, un dos obxectivos do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027, que se vai intensificar durante o vindeiro ano. Xosé Merelles salientou tamén o investimento realizado polo Goberno autonómico neste itinerario, que supera o millón de euros.

Neste convenio son 55.000 euros os aportados que se dividen en tres eixos de actuación: desenvolver un plan de xestión 2024-2027 que levará a cabo a asociación; sinalización dos recursos con valor turístico dos concellos; e márketing a través da páxina web e redes sociais.
Fotos e vídeos: O SIL.



