
Ourense acolle este xoves 21 de novembro o XI Congreso da Sociedade Galega de Calidade Asistencial baixo o lema “Tecendo lazos e superando barreiras”, promovido pola Área de Calidade da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Deste xeito buscan resaltar a “importancia de aunar todas as forzas de cada un dos nosos servizos sanitarios para facer que a calidade chegue cada día máis lonxe”, indica Rebeca Gómez, presidenta do comité organizador.

Este foro, que terá como escenario o Centro Cultural Marcos Valcárcel, congregará na capital da provincia a case douscentos profesionais de diversos servizos e unidades de todas as áreas sanitarias de Galicia e fará un percorrido sobre a calidade asistencial e os puntos de mellora baseados na experiencia dos profesionais, a voz do paciente xunto á innovación e as novas tecnoloxías.

O programa inclúe exposición oral de “comunicacións, tamén comunicacións pósters onde amosarán todas aquelas iniciativas, programas e ideas que teñen co obxectivo de mellorar a calidade asistencial. Haberá dende traballos relacionados coa prevención das caídas ata innovacións tecnolóxicas e coidados centrados no paciente. Serán máis de 50 traballos de temáticas moi diversas”, comenta Miriam Vázquez, presidenta do comité científico do congreso.
No acto inaugural prevese contar coa presenza do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jordal; da área sanitaria, Santiago Camba Bouzas; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense , Rosendo Luis Fernández, e a presidenta do Comité Organizador, Rebeca Gómez Espinosa.
