CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A Coral Polifónica Candea celebra o 28 aniversario con numerosas actividades, lúdicas e tamén sociais

Unha delas será a actuación na XVIII Romaría Coral Galega organizada pola FECOGA, que se celebrará mañá en Lugo

 

Camiño das tres décadas a Coral Polifónica Candea de Viana do Bolo está de aniversario. Nacía en 1996 e nestes meses celebran os seus 28 anos de vida cun apretado e variado calendario de actividades.

O pasado día 11 de novembro compartían cos usuarios de N.S. de Fátima, na Rúa, unha animada actuación coincidindo coa delebración do magosto e, como fan cada ano, continuarán por diferentes residencias da terceira idade (o 13 de decembro no Bolo, o 21 en Viana,…) destacando esa faceta social ademais da lúdica que desenvolven.

Co carácter solidario que a caracteriza, a coral tamén dará un concerto solidario a favor dos damnificados pola DANA, pero sen dúbida unha das actuacións máis destacadas ou cando menos inminente, é a que terán mañá sábado 23 de novembro, na XVIII Romaría Coral Galega organizada pola FECOGA, que se celebrará no Auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.

 

Auditorio no que actuarán mañá./ Foto cedida.

 

Tal como explican dende Candea, xuntaranse uns 800 coralistas de agrupacións das catro provincias. Pola de Ourense, segundo a organización, participarán Alecrín, Breogán, Candea e Orfeón Castro Caldelas, sendo o director deste último, Manuel Vila, o escollido para dirixir aos grupos desta provincia. Previo ao concerto, “haberá unha recepción coas autoridades e o presidente de cada coral participará nela e tamén na colocación do nome da súa coral nun mapa de Galicia”, indican dende a FECOGA. Ao remate interpretarán o himno galego ao unísono.

Unha semana despois, o sábado 30 de novembro, a Coral Polifónica Candea celebrará en Viana do Bolo o concerto de Santa Cecilia no que actuarán o grupo de guitarras das Escolas Municipais, as pandereteiras Abaneo; e o coro e a banda de Candea.

As fotos da galería, cedidas, corresponden á actuación na residencia da terceira idade N.S. de Fátima.

Artigos relacionados

Back to top button