ConcellosÚltima horaVídeos

Preséntase o programa de emprendemento innovador en Valdeorras, en Viloira (O Barco)

 

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaba este mediodía na presentación do Programa de emprendemento innovador no territorio de Valdeorras, que se levará a cabo no Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Barco. Alí, puxo de relevo a importancia de promover proxectos disruptivos, que transformen e melloren as expectativas das persoas. No marco dese obxectivo, sinalou que este novo formato busca aproveitar o talento dos emprendedores desta comarca ourensá para xestar, de maneira colectiva, iniciativas novidosas que ofrezan solucións e alternativas á industria tradicional.

 

 

Neste acto, a directora xeral estivo acompañada pola deputada provincial delegada especial para Valdeorras e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, entre outras autoridades.

 

 

Cunha duración de seis meses (deica xuño de 2025), o plan piloto constará así dunha primeira fase de mapeo e análise para sondear as necesidades do territorio e identificar onde están as oportunidades para innovar, facendo fincapé en sectores estratéxicos como a gandaría e agricultura, forestal, enerxía, industria e infraestruturas.

 

 

Nun segundo momento especificaranse retos a partir da realidade económica e social da contorna, para posteriormente buscar e selecionar as persoas emprendedoras que participarán no programa. Na seguinte fase, tocará deseñar e desenvolver no Polo do Barco os proxectos que darán resposta aos retos fixados e, finalmente, presentaranse estas iniciativas para poñelas en valor de cara a dinamizar a economía valdeorresa.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

 

 

Back to top button