ConcellosO BarcoÚltima hora

II Cea Popular, cultos e moita música para celebrar por todo o alto as festas de Santo Tirso en Veigamuíños (O Barco)

Serán do 24 ao 26 de xaneiro e contarán, entre outras, coa actuación da orquestra Cuarta Calle

I Cea Popular no Santo Tirso do ano pasado./ Foto cedida.

 

Por todo o alto volverán celebrar este ano as festas de Santo Tirso na localidade barquense de Veigamuíños, da man da comisión que organizou tres intensos días con moita música, cultos e cea.

O día grande será o sábado 25 de xaneiro, pero o programa arrincará xa o venres día 24 pola tardiña na carpa que instalarán preto do Lidl. De 19 a 21 horas haberá unha oferta especial no bar da festa con cañas a 1 euro e actuación de Dj Argü; e en torno ás 21 horas comezará a II Cea Popular cun menú formado por chourizo cocido, panceta e lombo á grella, pan, bica, viño, auga e licor café. O aforo será para un máximo de 250 persoas e as entradas (20 euros por persoa) están á venda na Horta de Fina e Mar e no Bar Mariñán. Entre os asistentes sortearase un xamón e lotes de viño.

 

Sesión vermú nas festas de Veigamuíños o ano pasado./ Foto cedida.

 

Trala cea, en torno á medianoite, haberá baile cunha discomóbil e xa de madrugada, entre as 2 e a 4:30 horas, pinchará por primeira vez en Valdeorras Dj Charlie. Multiestilo e un dos locutores de radio máis coñecido de Galicia, conta con máis de vinte anos de traxectoria. Ten sido Dj residente en discotecas como Factory (Vigo), Lesothum (A Cañiza), Mami (A Manchica-Ourense) ou Canelas (Portonovo). De 4:30 a 6 horas volverá a música coa discomóvil.

O sábado 25 de xaneiro ás 12 horas será a procesión e misa, seguida dunha sesión vermú longa con Dj Argü e un grupo de gaiteiros. Ás 16:30 horas haberá xogos populares para os nenos, colchonetas e chocolate na carpa; e pola tarde e noite chegará outro dos momentos estelares da festa coa orquestra Cuarta Calle que actuará por primeira vez no Barco de Valdeorras, contado entre o seus compoñentes cun dos mellores vocalistas da verbena, Jorge Ferre, ex cantante da Panorama e da Olympus. A sesión musical da madrugada correrá por conta de Dj Isra.

E xa o domingo, 26 de xaneiro, haberá sesión vermú (de 13 a 14 horas) e tarde (de 19 a 21 horas) a cargo de La Tremenda, un dos grupos revelación das festas no ano 2024 que porá o broche ao Santo Tirso 2025.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button