DeportesMotociclismoÚltima horaVídeos

O piloto Eduardo Iglesias remata a primera semana “extremadamente esixente” no Dakar 2025

 

Na xornada do 9 de xaneiro o piloto galego Eduardo Iglesias completaba con éxito a esixente etapa maratón do Dakar 2025, que comprendeu as etapas 4 e 5. Durante estas xornadas, os participantes non contaron con asistencia mecánica, o que engadiu unha capa extra de dificultade ao desafío. “Da noite da etapa 4 á 5 tivemos que durmir en tenda de campaña, e ao chegar debiamos meter a moto en parque pechado, sen poder traballar nela co equipo”, explicou Iglesias.

A etapa 4, con 415 quilómetros cronometrados, foi especialmente dura debido aos longos tramos pedregosos e o alto nivel de esixencia física. “Foi unha etapa moi física, con moitas horas de moto e zonas realmente duras”, destacou o piloto. Con todo, a súa determinación permitiulle superar o reto e manter un bo ritmo de carreira.

Na etapa 5, con 429 quilómetros cronometrados entre Alula e Hail, o percorrido presentou características diferentes, sendo algo máis livián e menos rochoso. “Hoxe foi máis levadía, con menos pedra e máis area, meténdonos en zonas máis arenosas e con moita navegación”, comentou. Aínda que Eduardo admitiu cometer algúns erros na navegación que lle fixeron perder tempo, asegurou que isto foi algo común entre os participantes nesta etapa tan técnica.

A pesar das adversidades propias do formato maratón, Iglesias mostrouse satisfeito co seu rendemento e coa capacidade da súa moto para superar dous días consecutivos sen asistencia. “Seguimos en carreira, e iso é o importante”, concluíu con optimismo o piloto galego, preparado para os próximos desafíos do Dakar 2025.

 

 

Chegando ao ecuador

E xa na xornada deste venres 10 de xaneiro Iglesias aproveitaba a etapa de descanso en Hail para reflexionar sobre o que foi unha primeira semana “extremadamente esixente” no Dakar 2025. Con satisfacción e optimismo, Eduardo compartiu as súas impresións tras superar algúns dos retos máis duros da carreira. “Foi unha semana moi dura. Xa nos avisaban de que a primeira semana sería complicada, tanto pola etapa de 48 horas como pola etapa maratón, pero soubemos liquidar todo”, explicou.

A etapa de 48h chrono e a etapa maratón, ambas as deseñadas para poñer a proba a resistencia e habilidades dos pilotos, destacaron como momentos clave desta primeira parte do Dakar, Eduardo logrou superar estas probas manténdose constante e demostrando a súa capacidade para adaptarse ás duras condicións da competición.

Agora, coa primeira metade completada, o enfoque está en prepararse para a segunda semana, os mecánicos xa están a traballar intensamente na súa moto, asegurándose de que estea en óptimas condicións para os desafíos que aínda quedan por diante, pola súa banda, Eduardo tamén está a priorizar a súa recuperación física. “Fisicamente atópome bastante ben, aínda que teño algún problema nos antebrazos, pero todo está baixo control”, comentou, mostrando confianza na súa capacidade para seguir avanzando. Coas xornadas máis duras xa detrás, Eduardo mira cara á segunda semana con entusiasmo e motivación. “Teño moitas ganas de que empece esta segunda semana”, concluíu, deixando claro que segue comprometido e determinado a dar o mellor de si na competición máis esixente do mundo.

O piloto monfortino continúa demostrando a súa fortaleza mental e física neste Dakar 2025, levando con orgullo o nome de Galicia e avanzando etapa tras etapa cara á meta final e por suposto agradecendo todo o apoio dos afeccionados como dos patrocinadores.

Ver vídeo de Eduardo Iglesias

Fotos e vídeo cedidos.

Artigos relacionados

Back to top button