OurenseÚltima hora

“7273”, un fermoso percorrido musical pola provincia de Ourense da man de Coanhadeira

O grupo presentará o seu novo traballo discográfico o 15 de febreiro no Liceo de Ourense

 

Coa intención de “amosar as fermosas melodías que nos vamos atopando a través da tradición oral da cultura galega”, nacía en Ourense Coanhadeira, unha banda que dende o 2006 e grazas á beleza das melodías tradicionais e aos seus directos cargados de forza, ten actuado sobre moitos dos principais escenarios galegos e de Europa. Dende o Festival de Pardiñas, A Carballeira de Zas ou o Escenario Runas do Festival Intercéltico de Ortigueira (Galicia) ata o Sauga Folk (Colindres, Cantabria), o Trobada de Buners (Andorra) ou o Festival Interceltique de L”Orient (Francia), entre outros.

Composta por seis músicos, Jesús Pérez, Chechu (gaitas e zanfona); Marcos Pérez, Kinhos (batería e percusións); Patricia López (voz e percusións); Vadim Yukhnevich (acordeón); Óscar Freire (saxo sorprano e tenor); e Rafa Morales (baixo), neste 2025 Coanhadeira presenta o seu cuarto traballo discográfico titulado ‘7273’, un fermoso percorrido musical pola provincia de Ourense.

 

 

Tal como explican dende a propia banda, 7.273 son os quilómetros cadrados da provincia de Ourense, “provincia da que se nutre este traballo, así como tamén as nosas vidas, as nosas tradicións, os xeitos e as maneiras de facer… a sinxeleza da paz do interior, ese grande esquecido”.

Dende as chairas Limiás ata os cumios do Macizo Central Ourensán… iso é ‘7273’, un proxecto musical co que aspiran a “facer as nosas propias paradas nalgúns dos lugares ourensáns que nos inspiraron neste longo percorrido, fermosas historias ou sons ou personas ou pobos ou bailes ou… o que vos pete”, porque diso vai este disco, de “desfrutar da pedra, da auga, da montaña, do que vos inspire”, co que convidan a coñecer máis o noso interior, pero “pouco a pouco, pinguiña a pinguiña”.

O pasado verán xa lanzaron dous temas, Xirazga e Ganceiros, dispoñibles en todas as plataformas, pero a presentación oficial deste CD será o vindeiro 15 de febreiro, nun concerto que darán ás 19 horas no Liceo de Ourense.

 

Artigos relacionados

Back to top button