
A Xunta convoca o 8º Campionato Galego de Formación Profesional GaliciaSkills, unha competición autonómica que premia aos mellores alumnos de FP nun total de 42 especialidades para, posteriormente, representar a Galicia na fase nacional. O prazo de inscrición estará aberto ata o 14 de marzo, período no que os centros educativos son os encargados de formalizar a solicitude de participación dos estudantes interesados en concorrer. A cita terá lugar no mes de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda.
O principal obxectivo desta competición é visibilizar a Formación Profesional na nosa Comunidade e poñer en valor as destrezas do alumnado que cursan estas ensinanzas. A través dunha serie de probas prácticas, os participantes poderán demostrar as súas capacidades nas 42 modalidades, que se distribúen en 29 especialidades competitivas, 9 de exhibición e 4 para centros de Educación Especial.
Requisitos e premios
Poderán participar estudantes de centros públicos de Formación Profesional de Galicia que teñan como máximo 21 anos durante o 2025 e que non teñan participado en edicións anteriores, agás nas modalidades de Mecatrónica, Sistemas robóticos integrados, Ciberseguridade e Fabricación aditiva, nas que se permitirá unha idade máxima de 24 anos.
As probas serán valoradas por un xurado composto por expertos do sector, representantes das empresas patrocinadoras e titores do alumnado. A persoa que obteña a maior puntuación en cada modalidade recibirá a medalla de ouro e formará parte do equipo galego que competirá nas SpainSkills 2026. A segunda mellor puntuación obterá a medalla de prata e actuará como suplente no campionato nacional, no caso de que o gañador non poida asistir. Todos os participantes recibirán un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado implicado na preparación obterá unha certificación de 30 horas de formación permanente, recoñecida como actividade de innovación educativa.
Na pasada edición de GaliciaSkills, participaron 184 estudantes de 74 centros educativos ao longo de tres xornadas, e recentemente, tres mozos galegos representaron a Galicia nas WorldSkills 2024 en Lyon, amosando a calidade da Formación Profesional galega.
Os centros educativos que desexen participar en GaliciaSkills 2025deberán inscribirse na algunha das modalidades que se detallan a continuación:




