CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Un proxecto do Colexio Pablo VI da Rúa recibe un premio á innovación educativa polas Escolas Católicas de Galicia

 

Na xornada deste venres 21 de febreiro, Escolas Católicas de Galicia entregaba os VII Premios de Innovación Educativa, no marco da súa Asemblea anual de titulares e directivos. Alí, representantes de Escolas Católicas de Galicia, José Manuel Rodríguez e Sonia Vidal de SM eran os encargados de entregar os galardóns aos proxectos máis innovadores do ano.

“Desde o principio coidamos a nosa mente; desde o principio coidamos o noso benestar” é o título do proxecto premiado do Colexio Pablo VI-Fátima da Rúa. “Un traballo que viu a luz con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, durante unha xornada de sensibilización e formación para o alumnado de secundaria”, explican dende o centro.

 

 

Baixo a coordinación da súa orientadora, Ángeles Terrón Cobo, a actividade deseñouse para dotar aos estudantes de ferramentas e recursos que lles axuden a mellorar o seu benestar emocional, físico e social. “A idea da xornada xurdiu como unha resposta a diversas situacións observadas no alumnado durante o curso anterior: falta de autorregulación emocional, desinterese, desmotivación, ansiedade, problemas de comunicación”, explican dende o centro que, ante esta realidade, apostou por unha estratexia de concienciación que involucrase tanto aos estudantes como ao profesorado, co fin de xerar unha reflexión colectiva sobre a convivencia e o rendemento académico. Ademais da orientadora, ao acto asistían o director do Pablo VI-Fátima, José Fernández de Abaixo e o ata o de agora Xefe de Estudos, Avelino García Ferradal.

Estes premios reflicten o compromiso de Escolas Católicas de Galicia coa innovación e a mellora continua na educación, impulsando proxectos que non só fomentan a aprendizaxe, senón que tamén priorizan o benestar integral dos alumnos. A clausura corría a cargo de Monseñor Francisco José Prieto, arcebispo de Santiago de Compostela quen puxo en valor a “importancia da misión compartida, unha proposta que marca un estilo propio nos centros de Escolas Católicas”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button