A Fundación Iberdrola España xunto coa Diócese de Astorga asinaban esta mañá un convenio de colaboración para iluminar o interior do Santuario de Nosa Señora das Ermidas, no municipio do Bolo, na provincia de Ourense, Galicia. Este investimento lumínico de 70.000 euros axudará non só a realzar a beleza interior de influencia barroca da igrexa do s. XVII, declarado ben de interese cultural pola Xunta de Galicia en 2006, senón que, ademais, será respectuosa co medio ambiente, poñendo en valor o patrimonio histórico cultural da rexión.

O acto da sinatura contaba coa presenza de monseñor Jesús Fernández, bispo de Astorga; María del Carmen Martínez, directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Jaime Alfonsín, presidente da Fundación Iberdrola España; Alberto Vázquez, alcalde do Bolo; Ramón Castresana, director da Fundación Iberdrola España e Francisco Silva, delegado Institucional Iberdrola en Galicia, entre outros asistentes do Concello e a deputada provincial María Carmen González.
O alcalde do Bolo agradecía esta iniciativa polo que supón de cara á conservación e posta en valor do patrimonio do seu municipio. Ademais, monseñor Jesús Fernández González, bispo de Astorga, lembraba á historia desta santuario mariano e explicaba que, “agora, coa nova iluminación, lucirán en todo o seu esplendor os distintos elementos arquitectónicos, artísticos, dedicados ao culto e ao cultivo da devoción. Lugar de fe, de cultura e de encontro, o santuario e o conxunto de edificios que o rodean, foron testemuñas dunha rica historia. Pero, necesariamente, habemos de mirar ao futuro. A recente limpeza exterior realizada pola Xunta de Galicia e a próxima iluminación interior obra da Fundación Iberdrola España, apuntalan claramente o futuro. A estas iniciativas esperamos que se poidan sumar outras. A nosa diócese e, particularmente a Delegación de Patrimonio e Cultura, está firmemente comprometida e ilusionada con este proxecto, ao que esperamos engadir outras iniciativas como a restauración do retablo maior”.
Así mesmo, Jaime Alfonsín, presidente da Fundación Iberdrola España quixo sinalar que “ con esta iluminación non só se buscan embelecer e realzar o interior do monumento e a posta en valor arquitectónica e histórica do Santuario, nun enclave tan singular, senón reforzar a súa sustentabilidade para que todos os cidadáns poidan gozar da herdade tanto rexional como nacional do Santuario Nosa Señora das Ermidas”.

Orixe e historia do Santuario
A tradición conta que o bispo de Astorga, Alonso Messía de Tovar, mandou levantar un gran santuario, tras unha curación milagrosa atribuída á Virxe de As Ermidas, que se veneraba nunha sinxela capela xunto á ribeira do río Bibei. A imaxe da Virxe foi descuberta no século XIII, aínda que a súa orixe poderíase remontar no tempo máis de cinco séculos e podería ter orixe medieval.
O santuario ao longo dos séculos foise ampliando, pero a súa maior transformación foi a partir de 1711 tanto no seu exterior como no seu interior, onde se colocou pedra de cantería na media laranxa do cruceiro da igrexa, reforma do camarín da Virxe, ampliación da sancristía, coro, ademais do atrio do templo con xanelas en arco que miran ao Bibei. As pinturas que figuran na nave maior foron encargadas a Francisco Couselo de Villar.
Co paso do tempo, o Santuario de As Ermidas converteuse nun dos centros de peregrinación máis importantes de todo o noroeste peninsular e un centro relixioso de primeira orde en Galicia e nos territorios limítrofes.
Tras a sinatura, os asistentes realizaban unha visita por este conxunto relixioso da man do guía-custodio José Vega.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.
