Afundación, a Obra Social de ABANCA celebraba onte en Ourense unha nova sesión do seu programa interxeracional ‘Fálame da emigración’. Achegar ao alumnado de secundaria as experiencias das persoas maiores na emigración é o fío condutor deste proxecto, que está xa na súa IX edición e no que participan estudantes de secundaria e bacharelato e persoas maiores voluntarias, socias dos espazos +60 de Afundación.
Nesta edición ‘Fálame da emigración’, do mesmo xeito que o outro programa interxeracional de Afundación ‘Falamos dá escola’, desenvolveranse en centros educativos de Ares, Fisterra, Lugo, Monforte, Ourense, Ponteareas, Redondela, Santiago e Vigo, aos que se incorporarán novas localidades nos vindeiros meses.
No encontro celebrado hoxe no CEIP Padre Feijoo-Zorelle, cinco persoas voluntarias do Espazo+60 Afundación de Ourense, Pilar Tesouro, Francisco Fernández, Marco Isidro Rocha, Jaime Pérez e Dorinda Cid, e 30 estudantes de 4º de ESO dialogaron na aula sobre a experiencia dos maiores na emigración e a visión de ambos sobre o pasado e o presente dos movementos migratorios.

Tras 9 anos de implantación dos seus programas interxeracionais, desde a área de Maiores de Afundación realizouse un estudo de avaliación nos centros participantes na edición 2023-2024 que mostra como inciden significativamente na redución dos estereotipos negativos sobre o envellecemento entre o alumnado. 289 estudantes de 8 centros de secundaria responderon o Cuestionario de Estereotipos Negativos sobre o Envellecemento (CENVE) ao principio e final do programa. A conclusión é que, aínda que inicialmente o 70,4% do alumnado tiña xa niveis baixos ou moi baixos de estereotipos negativos sobre o envellecemento, tras a súa participación no programa, a porcentaxe incrementouse ata o 86% do alumnado. Así mesmo, outro dos indicadores da avaliación revelou que, tras a participación, a porcentaxe dos estudantes que pensaban que ambas as xeracións teñen algo ou bastante en común subiu do 68 ao 74%.
O programa
A partir do relato experiencial da emigración vivido en primeira persoa, doutros recursos didácticos proporcionados por Afundación (documentais, guías didácticas etc.)/ etc.) e de traballos dos escolares sobre os seus vínculos familiares coa emigración, alumnado e maiores establecen un diálogo e reflexionan acerca das motivacións para emigrar, as dificultades, as aprendizaxes, as semellanzas da emigración das persoas maiores e a actual, un intercambio especialmente enriquecedor se hai alumnado inmigrante na aula.
O proxecto proporciona un marco de aprendizaxe non formal que favorece a curiosidade, a empatía e a motivación do alumnado, á vez que contribúe a establecer vínculos entre estudantes e maiores baseados na escoita, o respecto e o recoñecemento mutuo e a desmontar estereotipos por ambas as partes, en liña co modelo de educación transformadora promovido por Afundación. Doutra banda, seguindo a liña estratéxica de ‘O valor da experiencia’ da área de Maiores da entidade, o proxecto favorece que as persoas maiores sentan escoitadas, útiles e que vexan recoñecida a súa contribución á comprensión dun capítulo esencial da nosa historia recente.




