OurenseÚltima hora

Dúas alumnas dun instituto ourensán, gañadoras do Premio Anual Otero Pedrayo para estudantes na modalidade de Bacharelato

 

Na mañá do venres 14 de marzo entregábanse en Trasalba (Amoeiro), os Premios Anuais Otero Pedrayo para estudantes de ESO e Bacharelato.

A esta cuarta edición do premio asistía Valentín García Gómez, Secretario Xeral da Lingua; Rosendo Fernández, enrepresentación da Deputación de Ourense; Xesús Alonso Montero e María José Bravo Bosch como representantes do xurado; e Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo.

Na categoría de Bacharelato o xurado acordou concederlle o premio a “Bocarribeira”, traballo presentado polas alumnas Marta Bouzo Álvarez e Aldara Rodríguez Rodríguez de 1º de Bacharelato do IES Aquis Querquernis de Bande. A peza audiovisual rende homenaxe á literatura na obra poética de Ramón Otero Pedrayo.

Na categoría de ESO, o xurado decidiu premiar a peza grupal presentada baixo o pseudónimo “O borracho”, un podcast cargado de humor e actualidade traballado sobre un texto teatral de Otero Pedrayo incluído na obra “Teatro de máscaras” (1975). Foi o alumnado de terceiro da ESO do IES Alexandre Bóveda de Vigo quen recolleu o galardón.

Ademais dos gañadores nomeados, o xurado do premio Otero Pedrayo para estudantes concedeu un accésit ao traballo ”Fálase tanto… e con tan pouco tino” presentado polo grupo de 4ºESO do IES Breamo de Pontedeume. O alumnado converteu en historia ilustrada o conto de don Ramón “O purgatorio de don Ramiro”.

 

Artigos relacionados

Back to top button