
Expourense celebrará na fin de semana do 5 e 6 abril, a III edición do Salón do Vehículo Clásico que xa se consolidou no calendario do recinto feiral, tras a excelente acollida da súa segunda edición na que se duplicaron os datos de participación da primeira. “En tan só dúas edicións, este salón converteuse nun gran punto de encontro para os afeccionados aos vehículos clásicos de toda Galicia e tamén do Norte de Portugal e de comunidades como Asturias, Castela e León ou Madrid”, aseguran dende a organización.
Esta terceira edición era presentada nun acto que contou coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel pardo; do deputado provincial de Ourense, Jorge Pumar; do tenente alcalde do Concello de Ourense, Aníbal Pereira, e do director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. Estiveron acompañados por representantes das distintas entidades colaboradoras.
O 3º Salón do Vehículo Clásico contará coa presenza de 57 expositores especializados no sector do clásico e entre as que se atopan tanto compravendas e talleres de reparación como empresas de recambios, accesorios, compoñentes, pintura, miniaturas, etc. A área expositiva inclúe ademais a participación de máis de 150 vehículos clásicos (matriculados ata 1995, é dicir, cun mínimo de 30 anos de antigüidade) entre os que se poden atopar tanto coches como motos. Estes vehículos de exposición están cedidos por coleccionistas privados, restauradores, mecánicos, clubs e particulares. Nesta exposición poderán atoparse atractivos como o mítico “Alpinche” cedido pola Fundación Estanislao Reverter; o bus de Autocares Cuíña ou tres mostras de vehículos clásicos cedidos pola Policía Nacional, Garda Civil e o Ministerio de Defensa.

Destaca ademais a presenza dunha vintena de clubs de afeccionados a marcas ou modelos en concreto a nivel nacional (Club Lancia España, Alfa Romeo, American Cars, Seat 124 ou Mercedes W123) que compartirán espazo con clubs galegos ou portugueses afeccionados unidos por unha marca ou procedencia territorial (Escuadra Ourense, Barreiristas de Galicia, Club Nipón ou as escuderías de Clásicos de Condado-Paradanta; Ribeira Sacra; Arenteiro; Taboadela; O Irixo; Melgaço, Petín,…)
Un dos grandes atractivos desta cita para os amantes do sector é o Aparcadoiro de Clásicos. O recinto conta con dúas áreas reservadas (unha interior e outra exterior) para que aparquen nel (ata completar aforo) os visitantes que se despracen ata Expourense ao volante do seu clásico. Cada coche ou moto clásica que aparque nesa zona recibirá dúas invitacións para que poidan visitar o salón sen custo. É recomendable que aqueles que se decidan a asistir co seu clásico inscríbanse previamente a través da web do evento www.salonvehiculoclasico.com. Ata a data recibíronse xa máis de 300 inscricións de clásicos de particulares que confirmaron a súa visita a esta cita.
Programa de actividades
Esta terceira edición volverá contar cun completo programa de actividades. Convocouse xa o Segundo Concurso Elegancia que conta con 10 coches finalistas e que estarán expostos no salón. Estes finalistas presentaranse no perfil do salón para que os seguidores poidan votar para o “Premio do Público” e xa en feira será valorados tamén por un xurado profesional. Entre os participantes no Aparcadoiro de clásicos celebrouse tamén o Concurso “O meu Clásico de Portada” e cuxo coche gañador será a imaxe do cartel da cuarta edición que se celebrará en 2026. A entrega de premios de ambos os concursos está prevista para o domingo 6 de abril ás 13h.

Outra das actividades estrela desta edición será a mesa de debate titulada “Lanuxes pero bravos. Hierro /vs/ Chips. Por que o teu avó confiaba máis no teu coche que ti no teu?”. Terá lugar o sábado 5 de abril ás 18h. e contará coa participación de tres recoñecidos expertos convertidos xa en “Influencers” do coche clásico: Santi Martínez, Javito Rivas e Mario Adoitar. Haberá ademais conferencias e presentación de efemérides como o 50º aniversario do Seat 131.
Tamén terá continuidade nesta edición a Ruta de Clásicos prevista para o domingo 6 de abril pola mañá. Sairá de Expourense con destino Fundación Estanislao Reverter e percorrerá os arredores da cidade. Este roteiro está calculada para 40 coches clásicos e as prazas para participar cubríronse ao día seguinte da apertura das inscricións.
O horario de feira será o sábado 5 de 10 a 21h. e o domingo 6 de 10 a 20h. A entrada para o público ten un custo de 5 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos.



