A Casa de Galicia, en Madrid acollía na mañá do 8 de novembro, a presentación do I congreso internacional sobre San Martín de Tours, que se celebrará en Ourense do 14 ao 18 de novembro, para conmemorar o 1700 aniversario do patrón da cidade e no que se darán cita máis dunha trintena de expertos de dez países.
No acto interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco e os investigadores Jorge López Quiroga, coordinador científico do congreso; e Artemio Martínez Tejera, secretario científico do congreso.
“Un pobo que celebra o 1700 Aniversario do nacemento dun personaxe da historia é un pobo digno, sabio e entrañable”, dixo José Ramón Ónega, confesando a súa admiración por Ourense, “unha cidade e unha provincia bendicidas pola historia, pola cultura e as raíces do saber antigo. Un pobo que fixo Galicia e que goza de todas as excelencias e virtudes que fan grandes aos pobos e poderosos aos seus habitantes”. Engadiu ademais que “este acto que se celebra hoxe na Casa de Galicia, ten o aroma da historia e o encanto dos que nos precederon porque Martín de Tours é a historia mesma”.
No seu turno de intervencións, Manuel Baltar destacou o traballo de organización e coordinación do congreso que levan a cabo o historiador Jorge López Quiroga, un medievalista referente en Europa, e Artemio Martínez Tejera, secretario científico do congreso. “Este é un proxecto de 2015 que agora é realidade”, dixo, “un evento histórico e cultural que servirá para coñecer aínda máis e poñer en valor a obra e a traxectoria de San Martín de Tours, patrón da nosa cidade”. O presidente da Deputación resaltou asemade o protagonismo que terá a cidade, na que se van a dar cita os mellores especialistas do mundo das universidades máis prestixiosas, sendo xunto con Buenos Aires e a cidade francesa de Tours, os tres lugares onde se celebren congresos destas características.
Tal como avanzaron na presentación, o congreso estará estruturado en tres bloques temáticos: a figura do santo; os procesos de evanxelización e os mecanismos de conversión; e unha posta ao día das distintas sedes episcopais que conforman o actual territorio da Gallaecia.



