En portadaÚltima horaVídeos

O Lázaro cobra vida en Verín con multitude de propostas, entre elas gastronómicas e deportivas

Esta mañá inaugurábase este evento cuxa programación inclúe unha feira de artesanía e alimentación, actuacións musicais, pasarrúas, recitais, torneo de natación, actividades infantís e gastronómicas e actos relixiosos

 

Esta mañá inaugurábase o Lázaro 2025 en Verín, un atractivo e popular evento que aposta pola gastronomía, a cultura e o deporte como eixos fundamentais dunha programación que “non só promove o consumo local e a visibilidade dos nosos produtos, senón que tamén contribúe a facer de Verín un destino atractivo durante todo o ano”, segundo o Concello de Verín.

Esta é unha celebración moi arraigada en Verín e na súa comarca, un dos eventos de referencia da zona ao cabo do ano xunto co Entroido. “É unha festa que vén de toda a vida, e que antigamente atraía a moitas persoas de Portugal, acodían a Verín ao Lázaro, como a nosa poboación se achega a Portugal cando son os Santos, entón é como un intercambio da festividade. E o cambio no Lázaro foise producindo e houbo que ir incorporando innovacións porque o Lázaro ten que seguir funcionando, entón tratamos de potencialo a través da hostalería, coa gastronomía, co deporte…”, explica o concelleiro de Feiras, Transporte e Xuventude, Manuel Lorenzo.

 

 

Así, durante esta fin de semana de 5 e 6 de abril, o Pavillón Municipal de Deportes acollerá a tradicional Feira de Artesanía e Alimentación, con máis de medio centenar de expositores. O horario será o sábado de 11:00 a 14:30 h e de 16:30 a 21:00 h, e o domingo de 11:00 a 14:30 h e de 16:30 a 20:00 h. O acto inaugural tiña lugar arredor das 11:15h. deste sábado, seguido dun percorrido das autoridades polos diversos expositores. No seu decurso actuaba a Banda de gaitas Nova Era de Verín.

 

 

Ademais, no marco da feira estanse a desenvolver actividades como a cata de queixos de cabra confitados da Queixería Gaia (sábado e domingo ás 12:00 h) e unha cata-maridaxe de viños da D.O. Monterrei con showcooking a cargo de Miguel López e Begoña Vázquez (sábado ás 12:45 h e 19:00 h, domingo ás 12:45 h). O domingo, ás 19:15 h, terá lugar a entrega do premio ao mellor stand e ás 19:30 h, a entrega dos premios do concurso Pincha no Lázaro.

 

 

Por outra banda, os días sábado 5 e domingo 6 de abril terá lugar a Festa Gastronómica do Solombo, Bacallao e Torrada de Postre, coa participación de 10 restaurantes que ofrecerán pratos especiais baseados nestes ingredientes emblemáticos da nosa cociña máis tradicional.

Ademais, un dos principais focos da edición deste ano será a nova proposta denominada “Lázaro Gastronómico”, estruturada en dúas iniciativas. Por unha banda, o concurso de pinchos Pincha no Lázaro, que celebraba con éxito a súa segunda edición os días mércores 3, xoves 4 e venres 5 de abril, contará con 20 locais hostaleiros participantes. O público poderá votar os seus pinchos favoritos durante eses días depositando as súas papeletas nas urnas habilitadas nos establecementos, e participar así no sorteo de varios premios.

 

 

O resultado desta edición está sendo moi positivo, tal e como recalca o edil de Feiras. “O ano pasado eran 13 establecementos, e nesta ocasión subiron a 20 e a día de hoxe, termina hoxe á noite, xa se levan servido máis de 4.000 pinchos”.

E, a maiores da feira de artesanía e alimentación, prosegue Lorenzo, “temos unha exposición de coches novos e de ocasión, temos uns concertos de bandas esta tarde, fogos artificiais esta noite no entorno de Fontenova cun espectáculo luminoso e tratamos de que o Lázaro, que baixara un pouco hai un tempo, pois impulsalo, agora levamos catro anos, cada ano subindo. Trátase de que a afluencia de xente que veña que desfrute e que a comarca gane economicamente”, comenta Manuel Lorenzo.

A feira de artesanía contará tamén cun espazo infantil Ludolázaro, con obradoiros dirixidos ao público infantil en horario de 16:30 a 19:00 h tanto o sábado como o domingo.

Na rúa Irmáns Moreno, instalarase durante ambos días unha mostra de vehículos novos e de ocasión, organizada coa colaboración de concesionarios locais, en horario de feira.

No apartado musical, a programación comeza o sábado 5 ás 11:00 h cun pasarrúas da Banda de Gaitas Nova Era, que tamén actuará ás 11:30 h e ás 16:45 h no recinto feiral. Ese mesmo día, ás 13:30 h, celebrarase un recital de vibráfono a cargo de Sergio Sande Casal, mestre do Conservatorio de Verín. Ás 17:30 h terá lugar o III Festival de Bandas de Música Vila de Verín na Praza da Mercé, coa participación das bandas de Verín, Boborás e Barbadás. A orquestra Claxxon actuará en dúas ocasións na noite do sábado, ás 20:30 h e ás 00:30 h, na Praza García Barbón. Entre ambas actuacións, ás 00:00 h, o Parque de Fontenova acollerá un espectáculo de pirotecnia e luz dixital.

 

Xa o domingo 6, a programación musical continúa cun recital de piano ás 13:30 h a cargo de Ría Garrido Ruiz, e un recital de guitarra ás 17:00 h, ambos no Pavillón de Deportes. Tamén ás 17:00 h terá lugar un pasarrúas a cargo do grupo As Travesas (A Mezquita), seguido do concerto da Minibanda do Conservatorio de Verín ás 17:30 h. Pechará a programación musical a orquestra Marbella, ás 19:00 h na Praza García Barbón.

No ámbito deportivo, o sábado 5 de abril celebrarase ás 10:30 h o Torneo das Escolas Deportivas de Natación na piscina climatizada de Verín, con clubs galegos e portugueses. Ese mesmo día, ás 16:30 h, terá lugar o partido de veteranos de fútbol entre A.D. Veteranos Verín e CD Viana no Complexo Deportivo da Granxa.

Finalmente, os actos relixiosos terán lugar o domingo 6 de abril. Ás 11:40 h iniciarase a procesión desde a Capela de San Lázaro ata a Igrexa Parroquial de Santa María a Maior, onde se celebrará a misa solemne ás 12:00 h, coa participación da Coral da Asociación Amigos da Música.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button